Trabada, 27 de xaneiro, 2025. O Concello de Trabada vén de solicitar unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dentro dunha orde de axudas de concorrencia non competitiva, dirixida á rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal destinadas ao alugueiro social.
O prazo para presentar solicitudes nesta orde de subvencións abriuse esta mesma noite, ás 00:00 horas, e a solicitude do Concello de Trabada foi presentada en tan só 7 minutos. Segundo declarou o alcalde, “agardamos acadar esta axuda para rehabilitar esta vivenda e así poder ofrecer unha vivenda máis destinada ao alugueiro social no noso concello”.
Nesta ocasión, o proxecto presentado corresponde á rehabilitación da antiga escola de mestres de Valboa. Esta iniciativa enmárcase dentro dunha liña de actuación máis ampla que o goberno local vén desenvolvendo, centrada na reforma de antigas escolas, todas elas dedicadas ao alugueiro social.
“A través desta acción, procuramos incrementar a dispoñibilidade de vivendas sociais no noso concello e, ao mesmo tempo, favorecer o asentamento de nova poboación no municipio, contribuíndo así á dinamización e crecemento das nosas parroquias”, afirmou Rubén García.
O Concello de Trabada continúa apostando por iniciativas que permitan aproveitar o patrimonio municipal e poñelo ao servizo da veciñanza.