Ribadeo, 24 de xaneiro de 2025. Ribadeo ten vida todo o ano. Niso insistiu e afondou a delegación ribadense desprazada a Fitur 2025.
O alcalde, Dani Vega, contou que “durante estes días en Fitur traballamos para explicar e informar das grandes oportunidades que ten unha persoa cando ven a Ribadeo a desfrutar do seu turismo. En definitiva, o que trasladamos foi que Ribadeo ten vida todo ano, por ese dinamismo continuo e tamén pola desestacionalización, é dicir ter actividade todo ano. Iso é grazas tamén a un sector que cada vez é máis profesional e tamén por un traballo coordinado cos axentes implicados no turismo”.
O rexedor dixo: “creo que hai que seguir nesa liña, desestacionalizar con actividades todo ano e contar sempre co sector, que cada vez é máis profesional. Estes días en Madrid tamén nos diriximos aos medios de comunicación internacionais. No día de onte captabamos todas as atencións e Ribadeo era o exemplo a seguir. Hai que continuar traballando para que nos medios de comunicación estranxeiros teñamos unha presenza, porque tamén queremos ese turismo e o turismo de familia. Por iso esas reunións que tivemos con axentes implicados que traballan nese turismo familiar que queremos que veñan a Ribadeo”.
Vega subliñou: “foron unhas xornadas moi interesantes, de intenso traballo para poñer a Ribadeo continuamente no mapa turístico e iso ten un traballo continuo, por iso transmitimos que Ribadeo ten vida todo ano”.
Formaron parte da delegación ribadense que participou en Fitur 2025 o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Turismo, Marta Saiz, o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.