Ribadeo, 26 de xaneiro de 2025. Ribadeo pecha os parques e espazos públicos este domingo, tras a alerta laranxa por choiva e vento decretada polo paso da borrasca Herminia.
O alcalde, Dani Vega, fai unha chamada á precaución: “pedímoslles ás veciñas e os veciños de Ribadeo que eviten ás saídas á rúa nesta xornada tan desapacible que estamos a ter. Está suspendida toda a actividade no exterior tanto a deportiva como doutro tipo. E a Policía Local procede durante esta mañá a pechar os parques e espazos públicos en Ribadeo”.
O rexedor lembra que “tamén a situación no mar é complicada, debemos evitar achegarnos aos cantís e paseos marítimos co obxectivo de evitar accidentes innecesarios. Estamos en alerta laranxa tanto en mar como en terra, o mellor que podemos facer é quedar na casa”.