Ribadeo, 28 de xaneiro de 2025. O convenio para a mellora do abastecemento de auga, a expropiación da antiga Casa Maseda para convertela en oficina de turismo ou a cesión da antiga escola de Vilela á asociación veciñal son algúns dos asuntos que se someterán a debate e aprobación no pleno ordinario que hoxe se celebra no Concello de Ribadeo a partir das 20:00 horas.
O alcalde, Dani Vega, contou que “na tarde noite de hoxe vamos celebrar un pleno municipal onde vamos abordar asuntos de interese. O primeiro deles é o convenio entre os Concellos de Ribadeo e Trabada coa Xunta de Galicia para levar a cabo a mellora do abastecemento da auga, unha obra prioritaria de 7,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo garante a obra aportando, comprometéndose con ese 20% restante.
Agradezo ao Concello de Trabada a disposición, saber que é unha obra fundamental, mirar a largo prazo e garantir auga aos dous concellos. E tamén agradecerlle ao Concello de Trabada que soubera entender que é unha obra supramunicipal, grazas a iso podemos percibir o 60% de financiamento de fondos europeos. É moi importante colaborar entre os Concellos, é moi importante colaborar entre as institucións, por iso tamén lle solicitamos á Deputación a colaboración do 20% para que o Concello de Ribadeo e o Concello de Trabada, que neste caso o único que aporta é Ribadeo, pero que os dous Concellos teñan ese financiamento da Deputación como así o temos da Xunta de Galicia”.
O rexedor explicou que “tamén vamos levar a expropiación da Casa Maseda para convertela na oficina de turismo tanto de Turismo da Xunta de Galicia como do Concello de Ribadeo e o punto de información ao peregrino. Polo tanto, hoxe xa se expropia este edificio para convertelo nun ben público, nun edificio de titularidade e de uso público. Tamén vamos solicitarlles á Deputación e a Xunta de Galicia que aporten ambas administracións, cada unha delas o 50%, para arranxar o matadoiro municipal, un matadoiro que ten un impacto comarcal, factura máis de 2 millos de euros, e entendemos que unha empresa con esta facturación, que crea máis de 10 postos de traballo, e que é un edificio municipal, as administracións teñen que dar unha resposta. Polo tanto, non podemos seguir tendo unhas instalacións anticuadas, nun estado lamentable, e que moitas persoas están aí traballando, sacrificando, procesando animais e carne. Creo que a Deputación pode colaborar, a Xunta xa amosou o seu interese”.
Vega tamén aludiu a propostas “que tiñamos na oposición e agora no goberno vamos cumprir con elas, como é darlles esa cesión de uso a todas as asociacións do Concilio de Ribadeo para que poidan usar sen necesidade de pedir permiso ni tampouco aportar documentación como seguros, etcétera, etcétera, porque a partir de agora tendo esa cesión de uso, eles poden tamén ser, digamos, responsables das súas actividades e tamén permitímoslles que soliciten subvencións ás distintas administracións. Co anterior goberno estaba habendo algún problema e agora quixémoslle poñer solución de inmediato. Agradecémoslle á asociación de Vilela a súa proposta, deles partiu e por iso tamén grazas á súa colaboración e tamén a todas as asociacións por ese traballo que fan tan importante e en beneficio de todos. Eu creo que é de bo nacido ser agradecido”.
E engadiu: “tamén lle vamos solicitar á Deputación de Lugo que aporte para o Ribadeo Indiano 50.000 euros, a Xunta así o fixo neste último ano con eses 100.000 euros, que lle vamos volver solicitar, e outro punto será declarar o 2025 como Ano Castelao”.