A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “Ribadeo é un destino de gran atracción turística, e non só polo monumento natural da praia de As Catedrais ou polo Faro de Illa Pancha. Ribadeo é moito máis, forma parte da Mariña, a súa situación estratéxica no mapa entre Galicia e Asturias permítelle dispor tamén doutros recursos de gran calidade no entorno máis próximo. Ribadeo é un destino de gran escala humana e acolledora. Ese carácter galego-cantábrico de gran personalidade das súa xentes, pois, quizais marcado por un pasado vibrante tamén o fan único”.
A edil ribadense indicou que “no conxunto urbano destacan un gran número de casas señoriais, prazas e rúas que expresan ese legado do dinamismo do comercio no século XIX e principios do XX e, como non, o retorno dos indianos. Tamén podemos disfrutar dun dos cascos históricos mellor conservados e singulares de Galicia. Esa trama urbana de calexois e pequenos recunchos cheos de encanto e que conectan co porto recordando esa tradición mariñeira da vila. Un pasado que se renova presente nunha vila atractiva e viva, co seu tempo particular sí, pero tamén un destino aberto e cosmopolita que se recoñece no seu estilo de vida, na súa rica vida cultural, aloxamentos e comercios de calidade, nas súas festas, na súa gastronomía, coa súa cociña de sempre, pero tamén en novas expresións gastronómicas con produtos locais é de gran calidade”.
Saiz manifestou que “Ribadeo é a porta de entrada a Galicia do Camiño Santiago Norte declarada o Patrimonio Mundial da Humanidade. Se te atrae a natureza, Ribadeo ten dous mares, un tranquilo que é a nosa preciosa ría de Ribadeo e o outro máis enérxico, o Cantábrico. Ámbolos dous trazan un litoral abrupto onde se alternan acantilados, saltos, con calas, praias de area fina, pobos e barrios mariñeiros como Rinlo, cetarias históricas e a memoria dun pasado mineiro e industrial que compoñen unha das costas mellor conservadas de Galicia”.
E subliñou que “en definitiva, Ribadeo é un lugar único para descubrir Galicia e A Mariña, disfrutar da cultura, da natureza, da gastronomía e do comercio en calquera data, porque Ribadeo está vivo en calquera momento do ano”.
Concello de Ribadeo e Acisa conforman a delegación que a vindeira semana acudirá a Fitur a facer promoción deste destino turístico.