A concelleira de Turismo, Marta Saiz, explicou que “na primeira xornada de Fitur vimos de manter diferentes reunións con medios de comunicación nacionais e internacionais, con turoperadores e con axentes expertos en turismo, en definitiva con axentes implicados na promoción turística”.
A edil ribadense subliñou que “continuamos no noso empeño de desestacionalizar o turismo, de traballar por un Ribadeo dinámico todo o ano e cun sector cada vez máis profesionalizado”.
Ata Madrid se desprazaron o alcalde, Dani Vega, e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Marta Saiz e Diego Dos Santos. Coa delegación ribadense viaxou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, que indicou que “aquí estamos a apoiar o traballo que se está a realizar desde o Concello para a promoción de Ribadeo como destino turístico todo o ano”.