Site icon Crónica3.com A Mariña

Reorganización do goberno de Foz despois do abandono do BNG

Foz, 21 de xaneiro de 2025. O alcalde, Fran Cajoto, anuncia a reorganización do goberno de Foz despois do abandono do BNG das súas competencias e explica: “o 24 de decembro a concelleira nacionalista Zoraida Coira asumiu a xestión da Residencia e Centro de Dia e o pasado venres 17 de xaneiro o conxunto dos concelleiros do BNG renunciaron á totalidade das competencias delegadas, incluída a residencia. Iniciamos agora unha nova etapa na que os sete concelleiros socialistas asumimos a xestión do municipio. Facémolo, como sempre, con gran ilusión e responsabilidade, agardando que os acertos sexan máis que os erros e traballando máis se cabe para que Foz continúe a senda de crecemento e mellora dos últimos anos”.

O alcalde asinou hoxe, martes 21 de xaneiro de 2025, o decreto que establece a designación das delegacións e que son as seguintes:

Francisco Cajoto Caserío: Alcalde. Competencias en Obras (inclúe abastecemento, saneamento, desbroce de camiños e medio rural), Parques e Xardíns, Urbanismo e Seguridade Cidadá)

Inés López Couto: Primeira Tenente de Alcalde. Delegación en Economía, Facenda e Cultura (inclúe festas e patrimonio).

Ángel Fernández Neira: Segundo Tenente de Alcalde. Delegación en Medio Ambiente (inclúe recollida de lixo e limpeza viaria), Deportes, Xuventude, Mar e Alumeado Público.

Ana Matea Rojo Eijo: Concelleira de Servizos Sociais (inclúe residencia e escolas infantís), Muller, Igualdade e Inmigración.

Elena Martínez Pena: Concelleira de Educación (inclúe colexios, instituto e aula universitaria), Innovación e Participación Cidadá.

Carlos García Rodríguez: Concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Coordinación de Axenda 2030.

Katherina Asunción Navarro Machado: Concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade.

Unha etapa de goberno que asumen con sete concelleiros dos dezasete que conforman a Corporación Municipal. “Presentámonos ás eleccións para traballar e xestionar e vamos a seguir facéndoo, con moita ilusión. Imos obviar as palabras grosas que recibimos de Partido Popular e BNG, un desacerto que creo que non é xusto: por respecto pero tamén polo esforzo que facemos todos os días. Queremos chegar a acordos, coas dúas forzas, especialmente co BNG, unha forza progresista e de esquerdas. Os intereses xerais do pobo deben estar sempre por diante e con esa premisa imos a traballar”, declara o alcalde.
O alcalde de Foz avanza tamén no anuncio de distintas liñas de actuación que se prevén para este ano que comeza:

“Mellora de viais: Están contratadas ou en fase de contratación obras por un importe de 1,24 millóns de euros que se van a executar durante este ano 2025. Estamos a falar do aglomerado de distintos viais titularidade da Deputación entre os que se encontran Corporacións, Mijail Gorbachov ou a estrada Rapadoira – Llas. A renovación das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas, a execución dun novo acceso ás Torres ou a renovación do firme da Avenida da Mariña. Tamén se inclúe o remate da renovación integral de Irmandiños entre Glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana, así como a mellora de distintos camiños. A este orzamento de 1,24 millóns de euros podemos sumar as rotondas de Cangas -están pendentes de executar aproximadamente 370.000 euros de inversión- e novos proxectos que virán da man do Plan Deputación, Agader e distintas liñas de financiamento..

Limpeza viaria e recollida de lixo: Imos tramitar a adquisición dunha nova barredora e licitar o contrato da recollida separativa de lixo, incluíndo o novo contedor marrón. Temos como obxectivo dispoñer ademais puntos de recollida selectiva no casco urbano para pilas, cartuchos de impresora, luminarias e outros residuos específicos. Vamos xestionar a limpeza e adecuación das illas de contedores así como mellorar en xeral a limpeza do casco urbano.

Deportes: Imos avanzar no recoñecemento dos nosos deportistas coa Gala do Deporte aprobada en pleno, xestionar a mellora da cuberta da piscina municipal a través do convenio asinado con Vicepresidencia e promovido por Simeón Neira, tramitar a novo contrato da concesión da piscina e mellorar as instalacións deportivas, en parroquias e casco urbano.

Servizos Sociais: Imos demandar a transferencia inmediata da propiedade da Residencia e Centro de Día, tal e como establece o convenio asinado co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar -Xunta de Galicia- para poder desbloquear a xestión do centro, paralizada no momento da adxudicación do contrato.

Educación: Imos redactar os pregos para a licitación do servizo de madrugadores nos tres colexios públicos (CEIP Nº 1, Cantel e Fondo Nois), co obxectivo de facilitar a conciliación das familias.

Ciclo Integral da Auga: Continuamos da man de Augas de Galicia coa execución nova depuradora de augas residuais. No primeiro trimestre deste ano imos levar a pleno a licitación da xestión do servizo de depuración, saneamento e abastecemento do Concello de Foz: un contrato que leva aparellados 1,2 millóns de euros de inversión na planta potabilizadora e 1,3 millóns de euros de inversión para renovación de distintas canalizacións, así como outras melloras”.

Exit mobile version