En concreto, “solucionamos os problemas de goteiras e filtracións na cúpula do auditorio, cunha actuación de impermeabilización e cambio de canalóns, e fixemos outros traballos nas terrazas e a fachada do edificio”, explica Ramiro Fernández, concelleiro de Obras.
“Tamén melloramos os accesos á biblioteca e á Casa da Cultura, pensando nos veciños e veciñas con problemas de mobilidade, e instalamos unha pantalla que informa dos eventos no concello”, engade. O investimento nas obras superou os 67.000 euros.
Ademais, pronto realizarase outra actuación de maior envergadura, uns 150.000 euros para aillamiento térmico, calefacción e outros aspectos de eficiencia enerxética que necesita o inmoble. Para esta obra, o concello obtivo unha subvención con fondos europeos.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca “a importancia destas obras, a cultura é unha prioridade para o noso goberno e todas as instalacións municipais deben estar nas mellores condicións posibles de accesibilidade, eficiencia enerxética e outros servizos”.
Lina Gómez, concelleira de Cultura, pon en valor “a ampla programación cultural para todas as idades que ten Burela, cada vez máis desestacionalizada. Temos un novo convenio con Agadic (rede de bibliotecas) con teatro infantil e de adultos, e as colaboracións con diferentes asociacións do pobo en eventos que organizan; algúns que xa levan instaurados varios anos e outros novos que virán”, engade Gómez.
“Un auditorio en mellores condicións non só beneficia a actividade cultural, senón tamén á economía local, atraendo así artistas, compañías e público que apostan polo noso concello como punto de referencia cultural. Seguiremos tendo en conta as necesidades da veciñanza como coa a ampliación de horario da biblioteca no Nadal, ou a futura renovación integral desta”, remata a concelleira de Cultura.