Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego celebrou un plenario comarcal na Mariña e quenta motores para “mudar o rumbo do galego” o 23F

Foz, 25 de xaneiro de 2025. Queremos Galego celebrou onte pola tarde na casa da cultura de Foz un plenario no que participaron doce colectivos da comarca, quentando motores para a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, dende a Alameda de Santiago ata a Praza do Obradoiro.

As doce entidades e persoas que se xuntaron o venres pola tarde no plenario aproveitaron para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.

A coordinadora do encontro, Mónica Pazos, recordou que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”. “Non podemos ter ningunha confianza”, lamenta Pazos, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, engade, “que mentres fala de pacto pola lingua xa está a propor o uso do castelán na TVG, a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino ou a ausencia na intelixencia artificial”.

“Coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego”, rematou Pazos. “Comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que convidamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo pulo ao galego”.

Exit mobile version