Foz, 25 de xaneiro de 2025. Queremos Galego celebrou onte pola tarde na casa da cultura de Foz un plenario no que participaron doce colectivos da comarca, quentando motores para a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, dende a Alameda de Santiago ata a Praza do Obradoiro.
As doce entidades e persoas que se xuntaron o venres pola tarde no plenario aproveitaron para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.
A coordinadora do encontro, Mónica Pazos, recordou que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”. “Non podemos ter ningunha confianza”, lamenta Pazos, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, engade, “que mentres fala de pacto pola lingua xa está a propor o uso do castelán na TVG, a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino ou a ausencia na intelixencia artificial”.
“Coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego”, rematou Pazos. “Comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que convidamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo pulo ao galego”.