Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego celebra un plenario comarcal este venres en Foz, para “mudar o rumbo do idioma”

Foz, 21 de xaneiro de 2025. A casa da cultura Manuel María de Foz acolle o vindeiro venres día 24 de xaneiro, ás 20:00 h, un plenario comarcal de Queremos Galego, no que a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilarán conxuntamente a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.

Todas as entidades e persoas que o desexen poden participar nestes plenarios para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.

A coordinadora do encontro, Mónica Pazos, recorda que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”. “Non podemos ter ningunha confianza”, lamenta Mónica Pazos, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas platformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, engade, “que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”.

“Si cremos que coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego”, remata Mónica Pazos. “Comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que convidamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo pulo ao galego”.

Exit mobile version