Madrid, 23 de xaneiro de 2025. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou esta tarde en FITUR a súa nova campaña de comunicación interna A Mariña latexa contigo, que supón unha mirada ao territorio a través da visión única e emocionante dos seus veciños e veciñas.
O evento tivo lugar no stand de Galicia, ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man esta acción de comunicación coa que a Mancomunidade da un paso máis na posta en valor do territorio.
Interviron na presentación a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida Igrexas; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
Testemuños da veciñanza
A Mariña latexa contigo componse dun audiovisual principal, que foi proxectado en FITUR, e que recolle os testemuños de veciños e veciñas dos 16 concellos da Mariña. Desde unha visión moi persoal achégannos aos seus municipios, ao seu territorio, describindo os recursos e experiencias más salientables de cada lugar e conformando así un quebracabezas visual cheo de agarimo e autenticidade.
Trátase de poñer o foco nas persoas e de darlle á xente da Mariña o protagonismo que merece, porque elas son o corazón e o latido dun territorio e, tal como comentaba a vicepresidenta da Mancomunidade, “que sería dun territorio sen persoas que o amen?”.
Na súa intervención, Ana Ermida explicou que “se trata dunha iniciativa coa que dar visibilidade e involucrar á poboación local, estreitar lazos e resaltar a riqueza cultural, natural e social da Mariña”.
A campaña contará tamén con outras pezas audiovisuais e gráficas específicas para cada un dos concellos, para a súa difusión a través das canles corporativas e institucionais, que contribuirán a poñer en valor a oferta turística de cada lugar. “Encántanos contarlle ao mundo a través de Paquita, Saúl, Xoán -ou calquera das 64 persoas que participamos nesta campaña- eses valores e recursos que fan tan especial A Mariña”, compartiu emocionada.
A vicepresidenta da Mancomunidade aproveitou para darlles as grazas a todos os veciños e veciñas participantes, “por compartir con todos a súa mirada única sobre o territorio”. Ao mesmo tempo salientou que, “aínda con toda a beleza das nosas paisaxes, está claro que o mellor da Mariña é a xente”.
Accións para 2025
A campaña presentada hoxe forma parte do Plan de Sostibilidade Turística que desenvolve a Mancomunidade e cofinancia esta mesma entidade xunto á Xunta de Galicia e á Secretaría de Estado de Turismo, co obxectivo de impulsar e consolidar un turismo máis sostible, responsable e de calidade. Ana Ermida fixo referencia ás diferentes accións postas en marcha ao abeiro deste plan e avanzou que moitas delas comezarán a ser visibles no 2025, logo de tempo de traballo, como a Ruta Pardo de Cela, o Camiño do Mar, a Rede de Rutas de Sendeirismo da Mariña, o Centro BTT Galicia, a formación en turismo ornitolóxico ou encontro NatureWatch de observación da natureza, previsto para marzo.
Ana Ermida tamén lembrou algúns dos proxectos desenvolvidos ao longo de 2024: “activamos a campaña Toma o teu tempo, consolidamos produtos turísticos integradores como os 16 Plans con Corazón e os Obradoiros con Corazón e puxemos en marcha un programa de actividades de Xeoturismo para promover os incribles recursos xeolóxicos da comarca. Avanzamos coas accións do Plan Director de Turismo Gastronómico, que motivou a creación dun colectivo propio e que organizou as xornadas Amodo, en cuxo contexto foi entregado o I Premio Merlín a Lucía Freitas e ao seu proxecto Amadas a Terra”.
A vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense tamén aludiu ao compromiso coa calidade turística “con 42 empresas distinguidas e abrindo necesarios espazos de encontro público-privados a través do SICTED”.
E engadiu: “instalamos 11 contadores de persoas para analizar a capacidade de carga dos nosos recursos máis sensibles. E establecemos interesantes colaboracións que fortalecen a visibilidade do noso destino e das nosas empresas máis sostibles, a través de Galicia Destino Sostible e o Corredor de Ecoturismo da España Verde”.