O libro será presentado polo autor e polo profesor Bernardo Penabade o sábado 11 de xaneiro ás 12 horas no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19 (Burela)
Burela, 5 de xaneiro, 2025. O centro social Xebra! acolle este sábado 11 de xaneiro a presentación de ‘A montaña do poeta’ (Xerais), a última novela do escritor Lionel Rexes. A actividade será de balde e comezará ás 12 horas, cando o autor afincado en Alfoz e o profesor Bernardo Penabade desenvolvan un coloquio sobre a obra.
Na trama, Rexes descubre o vínculo do célebre poeta Antonio Noriega Varela, alcumado como ‘o poeta da montaña’, cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e onde os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacode a dinámica do municipio.
Lionel Rexes (París, 1971), formado na Universidad Autónoma de Madrid, reside no Alfoz do Castrodouro desde mediados da década de 1990. É autor da novela «A raíña das velutinas» (co que xa gañara o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta en 2017), do estudo paremiolóxico «Ditos e refráns do Valadouro» (2013) e de varias narracións curtas premiadas en diversos certames. Con «A montaña do poeta» (Xerais, 2022) conseguiu o XXVIII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta. Desde 2014 publica textos e artigos sobre aspectos literarios e lingüísticos no blog «Vasoiras de xibarda». En 2015 e 2016 foi organizador do encontro estival de escritores Ponte Literaria.