Reclama a Rueda que rectifique a súa posición e escoite o clamor social contra o proxecto contaminante que quere colocar no corazón de Galiza
“Agardamos que o Partido Popular acepte que se escoiten as voces críticas contra Altri no Parlamento galego e que non aplique a súa maioría para vetar esta proposta porque cremos que o Parlamento é un lugar onde a cidadanía está representada e a súa voz ten que ser escoitada directamente”, afondou.
Pontón fixo este anuncio logo da súa visita á explotación gandeira e de transformación láctea Arqueixal, na que exemplificou o potencial dos sectores produtivos da comarca da Ulloa, que demostran a capacidade de desenvolvemento do rural a través de proxectos innovadores, sustentables e respectuosos co medio e co territorio e cuxo futuro vese ameazado pola “bomba ambiental” que o Goberno do PP quere instalar no corazón de Galiza.
A líder nacionalista reclamou ao Executivo de Alfonso Rueda que “escoite o clamor social” contra a macrocelulosa e “rectifique” a súa posición “porque é evidente que o futuro non pasa por proxectos contaminantes, senón por desenvolver dunha maneira sostible o País”.
Neste sentido, empregou a coñecida canción de Bad Bunny, Lo que le pasó a Hawaii, para exemplificar o que suporía a instalación deste macroproxecto megacontaminante. “Como di unha canción que nestes días escoitamos e está moi de moda, queren quitarnos o río, queren quitarnos a praia, queren levarse a nosa riqueza e que os nosos fillos e fillas se vaian”, rememorou para advertir a continuación que isto é precisamente o que queren “multinacionais como Altri apoiadas polo Partido Popular”.
A portavoz do BNG apelou a evitar o desenlace que apunta o tema de Bad Bunny defendendo un “desenvolvemento sostible”, que é o que está defendendo precisamente a ampla maioría social que lle está dicindo ao PP “alto e claro” que non se pode permitir “esa macrocelulosa contaminante”.
Neste contexto, insistiu en pedir ao Goberno de Rueda que rectifique a súa posición e, na vez de facer de “comercial de Altri”, apoie aos sectores produtivos do rural, tal e como propón o BNG a través do desenvolvemento do denominado Plan Ulloa-Ulla-Arousa, unha clara aposta por un modelo de desenvolvemento alternativo e sustentable e que sería financiado cos 250 millóns de euros que o PP quere entregarlle a unha multinacional portuguesa para que, alertou, “contamine o País”.
Segundo explicou, o plan deseñado polo Bloque incidiría sobre tres grandes eixos de actuación: o primeiro, o apoio ao desenvolvemento dos sectores produtivos, con axudas específicas á base produtiva e aos proxectos económicos de transformación no medio rural, cunha gran capacidade para innovar e para instalar novas empresas, por exemplo, no ámbito agrogandeiro.
O segundo gran eixo de actuación pasa pola recuperación do río Ulla, tanto dende o punto de vista ambiental como cultural e económico, o que suporía tamén preservar a ría de Arousa, unha das rías máis produtivas de Galiza. E, en terceiro lugar, o Plan Ulloa-Ulla-Arousa contempla un cambio no modelo forestal, apostando por un monte multifuncional, que non se limite só á primeira transformación da madeira, senón que permita unha segunda e a unha terceira transformación do produto.
Preguntada pola posición do Goberno de Rueda que considerou un chamamento á prevaricación a petición de varios alcaldes de parar a macrocelulosa de Altri, Pontón recordou que o Executivo do PP, incluído o propio presidente da Xunta, “leva actuando dende o primeiro momento como comercial” da multinacional portuguesa, “na vez de defender os intereses do País”, posición que cualificou de “lamentable”.
Neste sentido, afirmou que a compañía lusa nin sequera precisa falar porque, criticou, “xa ten á Xunta defendendo sempre cada un dos seus intereses” en “contra do seu país”. “Iso creo que está máis próximo á prevaricación que que lle pidan que paralice Altri”, concluíu.