Ribadeo, 29 de xaneiro, 2025. O BNG explica que: “Nestes días puidemos saber do pasamento de César Lombera, escultor de cuxas mans saíron iconas tan emblemáticas como o Marqués de Sargadelos, os nosos entrañábeis Cocos e outras como As Marías (na Alameda de Compostela), Valle Inclán e a Tertulia (en Pontevedra), ou O Carrabouxo en Ourense, Alfredo Brañas en Carballo, ou O Adeus, en homenaxe ao antigo peirao de ferro e a emigración en Vilagarcía. Para as persoas amantes da cultura en xeral, e da escultura en particular, é un orgullo poder mostrar a todo o mundo o enxeño artístico de César Lombera nas nosas prazas”.
“César Lombera tamén desenvolveu a súa vocación cultural implicándose na vida política do seu concello. Foi concelleiro de cultura en Catoira e soubo apostar por eventos tan emblemáticos como a romaría vikinga de Catoira ou a irmandade co concello dinamarqués de Frederickssun. Convencido de que desde os nosos valores se pode mostrar cara ao mundo a nosa cultura, César Lombera non deixou de representar a resiliencia dunhas mulleres que deostaron a represión franquista, ou a retranca e o rexoubeo dun paisano que en máis dunha ocasión lle sacou as cores ao caciquismo”.
“Para Ribadeo, nomeadamente para as súas crianzas, sempre quedará nos nosos corazóns a familiaridade dos Cocos; ou tamén esa actitude tan singular de quen nos saúda á porta do concello. Vaia desde aquí a nosa homenaxe póstuma a César Lombera”.