Site icon Crónica3.com A Mariña

Permanece activa a campaña ‘Compostaxe rural’, que permite á veciñanza de Viveiro solicitar composteiros de xeito gratuíto

Viveiro, 13 de xaneiro de 2025. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que permanece activa a campaña ‘Compostaxe rural’, que permite á veciñanza do municipio solicitar composteiros de xeito gratuíto.

A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez sinala que esta iniciativa pretende “impulsar a compostaxe individual en vivendas unifamiliares, promovendo a xestión autónoma dos residuos orgánicos”.

“A compostaxe é unha práctica tradicional enraizada no rural galego, e estes composteiros permiten optimizala para contribuír no máximo posible á sustentabilidade e á economía local”, engade Bermúdez.

A campaña permitirá repartir ata 200 composteiros de balde a fogares situados en vivendas illadas con parcela ou horta de polo menos 25 m². 46 destes composteiros foron solicitados dende o inicio do programa.

As persoas interesadas en recibilos poden solicitalo a través do número de teléfono 697 162 637, o correo electrónico viveirosostible@fcc.es ou o formulario en liña dispoñible no sitio web do Concello.

Os composteiros, con capacidade de 400 litros, deberán ser colocados no exterior das vivendas, preferentemente nunha zona sombreada e protexida das inclemencias do tempo, como debaixo dunha árbore de folla caduca, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.

Na primeira visita ao domicilio faise entrega do colector individual cedido polo Concello, e procédese a instalar no espazo que cumpra as características necesarias. Ademais facilítase unha formación ao usuario para o seu correcto manexo.

Aproximadamente 3 meses máis tarde realízase unha segunda visita ao domicilio co obxectivo de facilitar asesoramento ao usuario, resolver posibles dúbidas, e supervisar que o manexo do material cedido sexa correcto.

Exit mobile version