Explican que a negativa ao decreto repercutirá ademais “nos máis vulnerables” porque afecta aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, ou os usuarios do transporte público que quedarán sen as bonificacións
Cualifican o senador César Mogo e a deputada Patricia Otero de “indecente” a decisión do Partido Popular, “que pon por diante os intereses partidistas fronte ao interese xeral”. Explican os socialistas de Lugo que a negativa á resolución repercutirá ademais “nos máis vulnerables”, porque afecta aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, aos usuarios do transporte público e tamén nos ingresos a conta tan importantes no sistema de financiamento das comunidades autónomas e dos concellos.
“O PP demostra, unha vez máis, que non lle importan os lucenses porque votaron en contra de garantir a accesibilidade da mobilidade, de protexer aos que máis o necesitan e de mellorar as condicións de vida dos nosos maiores”, argumentan. “Só coa revalorización que os pensionistas lucenses deixan de percibir no 2025, a provincia de Lugo perde 41,6M€ este ano”, lamentan. A revalorización do 2,8% que recollía o decreto para o 2025 “permitiría aos maiores manter o seu poder adquisitivo fronte á inflación”.
No caso do transporte, explican, a resolución que pretendía aprobar o Goberno de Pedro Sánchez contemplaba un ambicioso plan de apoio ao transporte público, garantindo a súa gratuidade ou descontos significativos en servizos esenciais como media distancia ou autobuses urbanos. E tamén haberá repercusións nas políticas de vivenda, avanzan, “porque moitas familias seguirán vivindo co medo aos desafiuzamentos ou con situacións insostibles por falta de alugueiro social”, “unhas realidades ás que o PP dá as costas coa súa negativa ao decreto ómnibus”.