Explican que a negativa ao decreto repercutirá ademais “nos máis vulnerables” porque afecta aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, ou os usuarios do transporte público que quedarán sen as bonificacións
Lugo, 26 de xaneiro de 2025. Os parlamentarios pola provincia de Lugo denuncian o impacto negativo que terá para os pensionistas lucenses o “non” do PP ao decreto ómnibus que o Goberno de España levou ao Congreso dos Deputados. Sinalan que na provincia de Lugo preto de 96.000 persoas deixarán de ingresar de media 434€ este ano e valorou que “é unha irresponsabilidade do PP votar en contra desta medida”.
Cualifican o senador César Mogo e a deputada Patricia Otero de “indecente” a decisión do Partido Popular, “que pon por diante os intereses partidistas fronte ao interese xeral”. Explican os socialistas de Lugo que a negativa á resolución repercutirá ademais “nos máis vulnerables”, porque afecta aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, aos usuarios do transporte público e tamén nos ingresos a conta tan importantes no sistema de financiamento das comunidades autónomas e dos concellos.
“O PP demostra, unha vez máis, que non lle importan os lucenses porque votaron en contra de garantir a accesibilidade da mobilidade, de protexer aos que máis o necesitan e de mellorar as condicións de vida dos nosos maiores”, argumentan. “Só coa revalorización que os pensionistas lucenses deixan de percibir no 2025, a provincia de Lugo perde 41,6M€ este ano”, lamentan. A revalorización do 2,8% que recollía o decreto para o 2025 “permitiría aos maiores manter o seu poder adquisitivo fronte á inflación”.
No caso do transporte, explican, a resolución que pretendía aprobar o Goberno de Pedro Sánchez contemplaba un ambicioso plan de apoio ao transporte público, garantindo a súa gratuidade ou descontos significativos en servizos esenciais como media distancia ou autobuses urbanos. E tamén haberá repercusións nas políticas de vivenda, avanzan, “porque moitas familias seguirán vivindo co medo aos desafiuzamentos ou con situacións insostibles por falta de alugueiro social”, “unhas realidades ás que o PP dá as costas coa súa negativa ao decreto ómnibus”.