O Senador César Mogo denunciou a “estafa política” dun PP “desesperado”, que demanda na Cámara Alta “todo e ao mesmo tempo”, incluso actuacións que son competencia da Xunta
Lugo, 16 de xaneiro de 2024. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Senador César Mogo e a Deputada Patricia Otero uníronse hoxe para pór en valor a acción de goberno do Partido Socialista en Lugo. Ese traballo, aseguraron, tradúcese nun impulso “histórico” especialmente en ámbitos coma o das infraestruturas e o social.
Durante unha comparecencia na sede do partido na capital luguesa, Tomé destacou que o traballo do Goberno socialista deixou Lugo unha “pegada” que se traduce “nun compromiso coa mellora das condicións de vida de veciños e veciñas”, pero ese labor serviu tamén para “colocar a Lugo no mapa das infraestruturas”, co desenvolvemento de actuacións “clave” para o futuro da provincia.
O Secretario provincial recordou que moitos deses proxectos “arrastraban os retrasos dos gobernos do Partido Popular” e houbo que “comezar de cero”. Entre eles, citou a “fundamental” modernización das conexións ferroviarias, como a renovación da liña Ourense-Monforte-Lugo cun investimento que no seu inicio se situaba nos 550 millóns de euros.
Outra intervención destacada foi a reapertura “en tempo récord” dos viadutos do Castro logo do seu derrubamento, unhas pontes que se construíron “cando gobernaba o Partido Popular cunha baixa de máis do 30%”. “Cando caeu o primeiro dos viadutos, derrubouse a estrada de Folgoso a Quiroga”, sinalou sobre a reparación dunha vía autonómica que leva tres anos esperando a intervención da Xunta.
Respecto do benestar social, cualificou de “revolución histórica” o incremento das pensións fronte a un PP que as conxelou. “Iso beneficia a máis de 112.000 lucenses”, apuntou, ao tempo que explicou que no caso do ingreso mínimo vital chega a 10.000 persoas na provincia.
A pensión media pasou de 815 co PP a 1.107 euros ao mes co PSOE
Outros logros que mencionou Tomé foron o “compromiso coa seguridade, facendo comisarías e arranxando cuarteis da Garda Civil”, o desenvolvemento de parques eólicos ou a promoción do territorio a través de iniciativas como os plans turísticos da Ribeira Sacra e da Mariña.
Patricia Otero afondou na exposición insistindo en que a Lugo “vaille mellor” cando os socialistas gobernan no Estado. “A pensión media na nosa provincia estaba o ano pasado en 1.107 euros ao mes, e no 2018, o último ano completo do Goberno do Partido Popular, estaba en 815”, explicou para valorar a revalorización conforme ao IPC “da man do Partido Socialista”. Pero lembrou que o PP votou no Congreso en contra desa revalorización.
Do mesmo xeito, sinalou que os populares se opuxeron á reforma laboral, e “compre recordar que o 2024 se pechou cunha afiliación á Seguridade Social en Lugo de máis de 125.000 ocupados, 3.000 máis en en decembro do 2018”. En canto aos contratos indefinidos, medraron na provincia preto dun 150 % no mesmo período de tempo.
No eido das infraestruturas, a deputada sinalou fitos como o desbloqueo da estación intermodal de Lugo pese ás “trabas” da Xunta, as melloras nas autovías A-6 e A-8 e en estradas coma a N-540 tras a falta de mantemento por parte dos gobernos do PP. En canto á Transcantábrica, destacou a implantación do sistema de sinalización que permite manter aberta a autovía na zona do Fiouco incluso en episodios de néboa. “No 2023 só estivo pechada 14 horas en todo o ano”, cando antes permanecía fóra de servizo arredor de 700 horas anuais.
Autovía de Lugo a Santiago
En canto á A-54, que conectará Lugo con Santiago, “o PP pide celeridade cando o único que fixo foi retrasar” tanto durante os seus gobernos coma desde a Xunta. Pese a esa obstrución, o tramo entre Arzúa e Melide entrará en funcionamento en cuestión de semanas, avanzou.
Patricia Otero valorou especialmente o impacto dos fondos do Plan de Recuperación en diferentes sectores da provincia. “Un plan liderado e conseguido polo noso presidente en Europa e boicoteado por parte do PP”, reprochou.
Entre outras iniciativas que se beneficiaron, citou o proxecto de transporte eléctrico para a Ribeira Sacra, con 2 millóns de euros procedentes do Perte do vehículo eléctrico; o proxecto de mellora da trazabilidade do sector lácteo, que obtivo 2,3 millóns de euros dentro do Perte agroalimentario; os 2,4 millóns destinados a comunidades enerxéticas, ou a rede de calor con biomasa no Campus de Lugo, por valor de 2,5 millóns.
A eles uniu os 11 millóns para o parque eólico de Muras ou proxectos coma a automatización do ciclo da auga en Palas e Sarria ou a adaptación da costa ao cambio climático en praias da Mariña. Todo iso “desmonta todas as mentiras e falacias do PP cando di que o goberno discrimina á provincia”, afirmou a parlamentaria socialista, que invitou á Xunta a aproveitar os fondos europeos que chegan á comunidade e a traballar “da man” con todas as administracións “independentemente da súa cor política”.
César Mogo falou, pola súa banda, dun PP “desesperado” porque o ano se pechou con España acumulando o 40 % do crecemento da Unión Europea e 500.000 empregos creados nun ano, ao que uniu un “récord en investimento e récord en turismo”. No caso concreto da provincia luguesa, cifrou en 2.300 millóns o investimento do Estado durante a pasada lexislatura.
O senador do PSdeG criticou tamén o que considera unha “estafa política” por parte do Partido Popular, cando os seus senadores se dedican a levar á Cámara Alta iniciativas nas que esixen ao Goberno central “todo e ao mesmo tempo, cun un só límite: que nada roce á Xunta”, incluso trasladando ao Executivo socialista demandas que son competencias exclusivas do Goberno autonómico.