Viveiro, 27 de xaneiro de 2025. Os grupos municipais do PSDEG-PSOE, BNG e Por Viveiro do Concello de Viveiro, no 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, asinaron unha declaración “para honrar a súa memoria e o seu compromiso absoluto con Galicia, así como reivindicar o inmenso legado artístico, cultural e político que nos deixou”.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950) é unha das figuras máis destacadas da historia contemporánea de Galiza. A súa traxectoria vital estivo marcada pola integridade ética, a loita contra as desigualdades e discriminacións, a defensa dos dereitos nacionais de Galicia e a súa militancia no internacionalismo solidario.
O pensamento e a obra de Castelao foron expresión dun compromiso político e social inquebrantable. Desde a súa incorporación ás Irmandades da Fala en 1916, seguiu, como el mesmo afirmou, “unha liña recta como a franxa azul da nosa bandeira”. A través da arte, da escrita e da palabra, dedicouse á denuncia das inxustizas, á defensa das clases populares e á construción de instrumentos políticos para o autogoberno do pobo galego.
Entre os seus fitos máis destacados están a súa participación na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a creación da revista Nós (1920), a publicación de obras como Álbum Nós e Cousas, e o seu papel como líder do nacionalismo galego na II República. Foi deputado nas Cortes, fundador do Partido Galeguista e impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936.
Durante a Guerra Civil, e xa desde o exilio, Castelao denunciou os crimes do fascismo con obras como os Álbumes da Guerra e dedicou os seus esforzos á defensa dos dereitos de Galiza e á solidariedade internacional. No exilio bonaerense, consolidouse como líder do galeguismo, publicando obras fundamentais como Sempre en Galiza (1944), e promovendo o Consello de Galiza, un goberno no exilio que simbolizaba a continuidade do proxecto galeguista.
Toda a súa vida e obra representan un legado político e cultural que o pobo galego debe preservar e divulgar, para que os seus ideais sigan sendo unha guía no camiño cara a unha Galiza xusta, solidaria e soberana.
Por todo isto, os Grupos Municipais de PSDEG-PSOE, BNG e Por Viveiro adhírense á conmemoración deste 75 aniversario e fan un chamamento a todas as entidades e á veciñanza para que participen activamente nas actividades programadas arredor da figura de Castelao durante este ano 2025.
“Animamos a popularizar a súa obra, dar a coñecer o seu pensamento e traballar para facer realidade os seus ideais de Galiza e República, avanzando cara a unha sociedade máis libre, xusta e solidaria”, recolle o manifesto.