Foz, 23 de xaneiro de 2025. O Concello de Foz continúa o seu traballo na organización do Entroido deste ano. O primeiro evento do mesmo é a Cea de Coroación da Raíña, que será o día 15 de febreiro na carpa da rúa Atalaia. Neste evento a raíña entrante, Coral Rey Oliveros, recibirá a coroa da raíña saínte, Carlota Fernández del Riego. Coma nos últimos anos, a maneira de anotarse é a través do correo electrónico, polo que se pon a disposición a dirección entradascoroacionfoz@gmail.com para facer a inscrición. O prazo comeza o vindeiro luns, día 27 de xaneiro, ás doce da noite e remata o 2 de febreiro.
O Concello de Foz explica que “as entradas serán outorgadas por orde de entrada e ata cubrir o aforo. Para anotarse será necesario enviar un listado cos nomes das persoas que queren acudir, o nome da mesa (tradición desta cea), así como os teléfonos de dúas persoas que se fagan responsables por se a organización necesita contactar con elas. Será necesario especificar o número de menores que acudirán e cales o son no listado. Non se admitirán menores de 14 anos e os menores asistentes deberán facelo cun adulto responsable. As entradas poderán devolverse ata o día 7 de febreiro e non está permitida a revenda. Non se admitirán correos enviados fóra do prazo indicado”.
O menú da cea inclúe empanada, sopa de cocido, costela asada ao forno, postre, viño, refresco, auga e café e chupito. Será amenizada polos djs Alejandro Martínez e Mía Disko. As entradas entregaranse na primeira planta da Casa da Cultura o día 4 de febreiro en horario de 10.00 a 12.30 e de 17.30 a 19.30 e os días 5 e 6 de febreiro de 17.30 a 19.30 horas.
“Agradecemos que os asistentes acudan disfrazados, xa que é un evento de Entroido e neste caso acompañar á raíña no seu día de toma de posesión pide un bonito disfrace”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Non se permitirá a entrada a persoas que non acudan á cea.
En próximas datas publicaranse as bases para poder participar no gran desfile do día 1 de marzo.