Adrián Vázquez: “Xa sabemos que a esquerda galega está en contra de que veñan investimentos a Galicia que xeren emprego e riqueza, pero polo menos que non mintan”
Despois das acusacións vertidas no día de onte polos representantes da esquerda galega en Bruxelas, Francisco Millán Mon, eurodeputado do PPdeG, sinala que no seu día se pechou o tratamento deste tema na Comisión de Peticións “porque resultaba prematuro”.
“E por que prematuro? Porque os técnicos da Xunta de Galicia están a realizar aínda os estudos de impacto en relación co proxecto”, explica Millán Mon, e deixa claro que “non ten sentido adiantar nin analizar agora este asunto”.
Así mesmo, engade que non o di só a Comisión de Peticións, senón que “tamén o deixou claro a Comisión Europea nas repetidas ocasións nas que tivo que pronunciarse sobre este tema”.
Na mesma liña, o eurodeputado popular Adrián Vázquez sinala que o BNG e o PSdeG “confunden os seus desexos coa realidade”, posto que as autoridades europeas “xa expresaron en numerosas ocasións que son os técnicos da Xunta os que deben decidir sobre Altri”.
“Xa sabemos que están en contra de que veñan investimentos a Galicia que xeren emprego e riqueza, pero polo menos que non mintan sobre o que dixo Europa tantas veces sobre este tema. Europa avala o traballo da Xunta de Galicia e está comprometida cos investimentos que xeran competitividade verde e sostible en todo o continente”, subliña Vázquez.
Por último, lembra que Ana Miranda, representante do independentismo galego, “xa mentiu” sobre Altri no pleno a semana pasada, e “compite co PSdeG na ver quen solta máis bulos sobre este tema”. “Por contra, a nosa única competición é para alcanzar unha Galicia mellor posicionado en Europa e no mundo”, conclúe.