Candia, Barreiro, Balseiro e Serrano reivindican xunto ao alcalde de Mondoñedo e alcaldes e portavoces da zona esta actuación prevista no 2017 e que o Goberno de Sánchez non executou
Mondoñedo, 10 de xaneiro de 2025. O PP lucense pedirá dende o Senado “prazos e investimentos concretos” ao Goberno de Sánchez para a mellora da estrada N-634 no treito entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín) e a prolongación do terceiro carril en sentido ascendente tras constatar que “non ten previsto realizar ningunha actuación” neste treito ao asegurar, en resposta oficial aos senadores, que “o firme e as marcas viarias están en correcto estado”.
Así o deron a coñecer a presidenta provincial, Elena Candia, e os senadores -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- en Mondoñedo acompañados polo alcalde do municipio, Manolo Otero; os rexedores de Abadín e O Valadouro e o portavoz de Alfoz, José María López Rancaño, José Manuel Lamela e Juanjo Fraga, respectivamente, e tamén veciños de Mondoñedo; despois de valorar a resposta do Executivo ás preguntas dos representantes lucenses no Senado.
Os populares afean a resposta do Goberno de Sánchez toda vez que “veciños e usuarios podemos comprobar que o pavimento está deteriorado e o alumeado e a sinalización precisan ser mellorados para garantir a seguridade da vía que incrementa o seu volume de tráfico cando pecha a A-8 pola néboa e, polo tanto, cando as condicións para a circulación non son óptimas”. Balseiro incidiu tamén en que “este non é un tramo calquera” porque é a vía alternativa á autovía do Cantábrico, unha das de España que máis veces se corta ao tráfico ao longo do ano e cun dos radares que máis multas rexistra nas estradas de Galicia.
A presidenta provincial e deputada autonómica incide tamén en que “as actuacións que estamos a reivindicar foron xa proxectadas polo Goberno do Partido Popular no ano 2017”, pero Pedro Sánchez incluso “desoe acordos adoptados en distintas institucións”. Por exemplo, o Parlamento de Galicia aprobou no 2021 a iniciativa do Grupo Popular unha iniciativa para urxir actuacións de mellora ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
O rexedor mindoniense, Manolo Otero, tamén explicou que “o Concello de Mondoñedo aprobou en Pleno por unanimidade -cos votos a favor de tódalas forzas políticas incluído o PSOE e o BNG-, solicitar ao Goberno do Estado a mellora do firme da N-634”. Así mesmo, incidiu en que “esta estrada rexistra moito tráfico diariamente -incluso coa A-8 aberta-; xa que, ademais dos veciños e veciñas dos municipios de Mondoñedo e Abadín, tamén é empregada por outros veciños da zona como os de Alfoz ou O Valadouro para conectar coa A-8 e por traballadores e transportistas nos seus desprazamentos habituais”.
Os populares convidan aos representantes socialistas e nacionalistas no municipio, na provincia e en Madrid a reivindicar tamén esta mellora ante o Goberno de Sánchez.
ACTUACIÓNS CONTEMPLADAS NO PROXECTO DO 2017
As medidas que prevía executar o Goberno de Rajoy estaba a substitución integral da capa de rodadura, a mellora da sinalización, balizamento, defensas e interseccións, ademais do peche perimetral para evitar a entrada de animais á calzada.