Antonio Ameijide lamenta que “o abandono do turismo” siga a ser “a principal liña de traballo” do goberno provincial nesta área en lugar de empregar o turismo como “como un dos motores económicos e o punto de inflexión que precisamos na provincia para medrar”
Lugo, 3 de xaneiro de 2025. A menos de 20 días para o inicio de Fitur, aínda nada se sabe da campaña de promoción da provincia que teñen pensado realizar PSOE e BNG dende o goberno provincial para captar turistas e así recuperar este sector como un dos motores económicos da provincia de Lugo.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve necesario que Fitur sexa “o revulsivo que tanto precisamos” xa que PSOE e BNG converteron á Deputación de Lugo “no lastre da provincia en lugar de ser a administración que a lidere”. “Anos atrás, cun goberno do PP á fronte da Deputación si que se coidou e tivo a este sector como unha referencia de xeración de riqueza e como un dos motores económicos da provincia”, recordou.
Dende o Grupo Popular explican que “trala chegada de Tomé á presidencia provincial, o seu goberno maltratou ao sector turístico, ata o punto de reducir a aportación económica para a difusión da imaxe da provincia en cada orzamento provincial”.
Antonio Ameijide recorda “os grandes potenciais” turísticos cos que conta a provincia, coa Mariña e a Ribeira Sacra á cabeza, pero tamén con outros grandes reclamos, postos en marcha por gobernos do Partido Popular, como a aposta polos embarcadoiros e os catamaráns. “Vemos como herdaron diferentes proxectos e non fixeron nada novo, nada innovaron”, lamentou.
Unha mostra da “nula preocupación” de PSOE e BNG polo turismo é a falta de participación no Consello Provincial de Turismo, un órgano que “unicamente empregan para facer publicidade en lugar de buscar consensos e proxectos para difundir a imaxe da provincia”.
Á conclusión desa xuntanza, celebrada en decembro, Antonio Ameijide xa denunciara publicamente a ausencia de proxectos para difundir a imaxe da provincia e de explicación sobre a difusión da provincia de Lugo en Fitur. “É alarmante que sigan sen dar explicación algunha dende o goberno provincial cando a realidade é que hai semanas que deberían de ter pechadas as campañas de difusión, así como informar delas, entre as que debería de haber reunións con touroperadores e influencers, dúas das mellores liñas de promoción que hai na actualidade”, recordou.
Outra mostra máis da despreocupación de PSOE e BNG polo turismo na provincia é “a mala imaxe” que se deu a todos os turistas que nos visitaron coas estradas da Deputación de Lugo “destrozadas e sen desbrozar”. “Vimos como comezou o verán e moitas das estradas que dan acceso ás praias da Mariña estaban sen desbrozar, chegando ao punto de que houbo concellos na Ribeira Sacra nos que en outubro aínda non se desbrozara nin un so metro de estradas provinciais”, sentenciou.
Por último, o voceiro popular destaca “o traballo” que se realiza dende o sector privado en prol do turismo na provincia polo que “de non ser por hoteleiros, hostaleiros e todos os empresarios e autónomos vinculados ao mesmo, non sei como nos iría a Lugo nin quen ía vir, a vista da nula política turística por parte da deputación provincial”.