Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro urxe ao goberno bipartito a impulsar o PXOM e “elaborar no prazo dun mes os informes municipais pendentes”

A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “na reunión da xunta de portavoces do 31 de xaneiro de 2024 puidemos coñecer o informe técnico sobre os trámites realizados e pendentes; pero practicamente un ano despois non temos constancia de que o Concello realizada ningún da súa competencia”

Viveiro, 10 de xaneiro de 2025. O PP de Viveiro urxe ao goberno municipal bipartito a impulsar o PXOM “despois de 22 anos de gobernos de esquerdas -PSOE, BNG co apoio de XViveiro- e tantos anuncios por parte da alcaldía -especialmente de forma previa ás eleccións- sobre a inmediata aprobación provisional deste relevante documento en materia de planificación urbanística e ordenación do territorio do noso concello”.

Os concelleiros do Partido Popular agardan o apoio dos distintos grupos da corporación municipal no vindeiro pleno toda vez que “a aprobación do PXOM era un dos puntos do acordo programático entre o PSOE e XViveiro para facer alcaldesa á señora Loureiro”.

Concretamente, o PP propón instar ao goberno municipal a elaborar no prazo dun mes os informes técnicos, xurídicos e económicos de competencia municipal necesarios para determinar a situación real do PXOM de Viveiro e dar conta ao Pleno dos informes das diferentes administracións pendentes así como dos trámites e accións que restan para lograr a súa aprobación provisional.

A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “na reunión da xunta de portavoces celebrada o 31 de xaneiro de 2024 puidemos coñecer o informe técnico sobre os trámites realizados e pendentes; pero practicamente un ano despois non temos constancia de que o Concello realizada ningún”.

Concretamente, o informe recollía como trámites pendentes a notificación aos titulares catastrais de parcelas incorporadas en ámbitos de actuación; a contestación ás alegacións presentadas en trámite de exposición pública; a revisión e actualización de documentos de memoria e normativa urbanística atendendo ás modificacións do procedemento administrativo común, actividades, etc. e a proposta de dúas liñas de tramitación en caso de que, unha vez obtidos todos os informes sectoriais e corrixidas as deficiencias do documento, os cambios
introducidos no documento desde a aprobación inicial supoñan ou non unha modificación substancial.

Gueimunde puntualiza que “determinar se as modificacións introducidas no documento son ou non substanciais -despois de transcorrido un largo espazo de tempo dende o acordo para a aprobación inicial do PXOM no Pleno do 14 de abril do 2011- é un dos puntos que máis condiciona os prazos na tramitación”. En todo caso, con carácter previo á aprobación provisional polo Pleno, é precisa a emisión dos informes técnicos e xurídicos do servizo de urbanismo, o informe da secretaria municipal e o informe de intervención.

UN LASTRE PARA O DESENVOLVEMENTO DO CONCELLO

A portavoz popular explica que “o Concello de Viveiro non dispón de planeamento xeral adaptado á normativa vixente”. A ordenación urbanística provisional aprobada no 2006 é xenérica e demasiado restritiva debido ao seu carácter transitorio ata a aprobación do PXOM polo que “non responde aos problemas e necesidades do noso concello, coartando o seu desenvolvemento económico e sostible”.

Exit mobile version