A voceira, Mariña Gueimunde, subliña que “a creación de áreas específicas para mascotas en puntos estratéxicos do municipio non só beneficiará aos propietarios dos animais, senón que tamén fomentará unha mellor convivencia entre veciños”
Viveiro, 29 de xaneiro de 2025. Os concelleiros do PP de Viveiro solicitarán ao bipartito PSOE-BNG no vindeiro Pleno que habilite espazos para mascotas no municipio xa que se observa unha carencia de lugares habilitados especificamente para o recreo das mesmas, tanto no casco histórico como nos núcleos máis importantes.
A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “a área de Medio Ambiente que dirixe o BNG impulsou unha ordenanza municipal de convivencia, limpeza e residuos pero nin habilitou espazos para que os donos dos animais poidan cumprir esas normas nin o Concello dispón de Policía Local que vixíe o seu cumprimento. É cuestión de lóxica que primeiro se habiliten espazos”, incide. Ademais, “a creación de parques para cans nos tres núcleos urbanos do municipio era un dos puntos do acordo programático entre PSOE e XViveiro”.
“A creación de áreas específicas para mascotas en puntos estratéxicos do municipio non só beneficiará aos propietarios dos animais, senón que tamén fomentará unha mellor convivencia entre veciños, reducindo conflitos polo uso indebido doutros espazos públicos. Ademais, estas zonas poden contribuír a potenciar unha imaxe moderna, inclusiva e sostible de Viveiro, promovendo valores como o respecto polos animais e o coidado do entorno”, subliña a voceira do PP local, Mariña Gueimunde.
Nas parroquias, que contan con amplas zonas verdes e se ubican no entorno rural, a regularización e habilitación destes espazos non supón un problema a priori. Sen embargo, nas da trama urbana, como Covas ou Celeiro, a situación xa comeza a complicarse, para converterse en grave e preocupante no corazón de Viveiro, pola súa condición histórico-artística que require unha especial protección.
PROPOSTA DE ACORDO
A través desta iniciativa, os populares instan ao Concello a realizar un estudo técnico para identificar e avaliar as ubicacións máis adecuadas para habilitar espazos para mascotas no casco urbano de Viveiro e nos núcleos máis importantes do municipio, prestando especial atención ás inmediacións do casco histórico para, así, evitar o seu deterioro e xerar unha imaxe atractiva e salubre para cantos visitan e habitan no lugar.
E, tamén, piden ao Concello de Viveiro deseñar e acondicionar áreas específicas para mascotas, que inclúan os seguintes elementos: espazos valados e seguros; zonas diferenciadas, se é posible, para animais de diferentes tamaños; papeleras e dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos; elementos que favorezan a actividade física e o recreo das mascotas.
Así mesmo, propoñen que o Concello promova campañas de sensibilización dirixidas aos veciños, para fomentar o uso responsable destas áreas e garantir a convivencia cívica nos espazos habilitados.
E tamén que o Concello inclúa unha partida orzamentaria nos próximos exercicios económicas para a execución e mantemento destas áreas, asegurando a súa sostibilidade a longo prazo. E coordinar as accións necesarias coas asociacións locais e colectivos de protección animal, así como cos veciños, para recoller propostas e garantir que os espazos habilitados respondan ás necesidades reais da comunidade.