Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro esixirá no pleno explicacións sobre a paralización da obra de humanización da rúa Porto de Celeiro e o prazo para o remate da actuación

A data prevista para o remate das obras era finais do 2024, pero “a comezos de decembro, coa obra a medias, a empresa adxudicataria paralizou a obra e retirou a maquinaria co conseguinte enfado dos veciños e veciñas debido a que “os accesos ás súas vivendas quedaban sen rematar”

Viveiro, 8 de xaneiro de 2025. O PP de Viveiro esixirá ao goberno bipartito municipal explicacións sobre a obra de humanización na rúa Porto de Celeiro. Concretamente, os populares cren que os veciños e veciñas merecen explicacións sobre “os motivos da súa paralización, os cambios no orzamento de licitación da obra, as medidas previstas polo goberno para rematar os traballos e o prazo de entrega desta actuación”.

Os populares lembran que “en abril do ano 2023 o goberno local anunciou a bombo e platillo un plan de humanización do porto de Celeiro” cuxas obras se levarían a cabo a través dun convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.

“A finais do ano 2023 iniciouse a licitación da obra que, tras quedar deserta nunha primeira licitación, se adxudicou nunha segunda rolda por un estreito marxe”, advirte a portavoz, Mariña Gueimunde.

O pasado mes de xullo, pouco antes da semana de festas de Celeiro, iniciouse a obra de reforma integral da rúa Porto de Celeiro. A data na que estaba previsto o remate da obra era finais do 2024.

A principios de decembro de 2024, coa obra a medias, a empresa adxudicataria paralizou a obra e retirou a maquinaria. Isto provocou “o enfado dos veciños e veciñas” que manifestaron a súa molestia por deixar as obras a medias e, polo tanto, “os accesos ás súas vivendas sen rematar”. Unha situación que é “un claro prexuízo para os veciños e veciñas e, especialmente dificultosa para moitos dos residentes deste barrio que son de avanzada idade”, subliña a popular.

Exit mobile version