Os populares tamén propoñen a instalación dunha nova placa, a fin de que se recoñezan os seus méritos e contribucións como redactor e poñente da Constitución Española e como presidente da Xunta
Vilalba, 26 de xaneiro de 2025. O Grupo do Partido Popular de Vilalba defenderá no vindeiro pleno que o Concello garanta a permanencia e a protección do busto de Manuel Fraga situado na Alameda Basanta Olano.
Os populares agardan o apoio dos distintos grupos que conforman a corporación municipal á súa proposta toda vez que “o busto de Don Manuel Fraga colocado fai varias décadas fronte á súa casa natal é un recoñecemento do pobo vilalbés”.
Este elemento “simboliza o agradecemento a un político que, máis alá das controversias, desempeñou un papel determinante na historia recente do noso municipio -onde deixou a súa pegada en diversas iniciativas que contribuíron ao avance do municipio, a modernización da vila e a mellora do benestar dos vilalbeses- e, por suposto, na historia de Galicia e de España”, aseguran.
Manuel Fraga Iribarne (1922-2012) é un político vilalbés de recoñecida traxectoria, foi unha figura clave na historia política de España e de Galicia durante o século XX. É considerado un dos pais da Constitución Española de 1978 e foi presidente da Xunta de Galicia durante 15 anos polo que “foi unha figura clave para o desenvolvemento democrático do país e para o progreso da nosa Comunidade Autónoma”, defenden.
Dende o PP de Vilalba engaden que “foi un político reformista, defensor da democracia e, durante catro lexislaturas consecutivas nas que foi presidente da Xunta, Galicia experimentou importantes avances en infraestruturas, educación e modernización económica”.
PLACA DE RECOÑECEMENTO
Os populares tamén propoñen a instalación dunha nova placa, a fin de que se recoñezan os seus méritos e contribucións como redactor e poñente da Constitución Española de 1978 e como o presidente da Xunta de Galicia máis duradeiro do período democrático.