Os populares convidan á alcaldesa a dirixirse a ambas administracións para que “adopten as medidas que están nas súas mans en función das súas competencias”
Vilalba, 25 de xaneiro de 2025. O PP de Vilalba pedirá o apoio de tódolos grupos políticos no vindeiro Pleno a unha iniciativa que ten por obxectivo a cobertura de prazas de médicos e pediatras.
Os concelleiros do Partido Popular amosan a súa preocupación pola falta de médicos de atención primaria e pediatras no centro de saúde que ocasiona, en numerosas ocasións, cambios de citas ou anulacións que prexudican aos veciños e veciñas de Vilalba. Así, propoñen que o Concello se dirixa tanto ao Goberno de España coma ao da Xunta de Galicia “para que cada administración adopte as medidas que están nas súas mans en función das súas competencias”.
Concretamente, os populares convidan á alcaldesa á dirixirse ao Goberno de España para que axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios, tome as medidas necesarias para favorecer que haxa máis profesionais nas especialidades de medicina de familia e pediatría e evitar prazas vacantes, eliminar a taxa de reposición e axilizar a formación na especialidade de médico urxencia. Así mesmo, a iniciativa do Grupo Municipal Popular propón instar ao Concello a dirixirse formalmente á Xunta de Galicia para que se cubran, no menor tempo posible, as prazas de profesionais de atención primaria e pediatría no centro de saúde de Vilalba, sempre e cando haxa profesionais dispoñibles que así o permitan.
A falta de especialistas en atención primaria é un dos principais desafíos que afronta a sanidade pública. Os problemas relacionados coas posible demoras en atención primaria veñen motivados polas dificultades de cobertura debido ao déficit de médicos de familia que se da en toda España.
“As distintas comunidades autónomas -tamén as gobernadas polo PSOE como, por exemplo, Asturias, Cataluña ou Castela – A Mancha- enfróntanse ao mesmo problema: non poden contratar máis médicos porque non hai profesionais dispoñibles”, explican.
“Existen dificultades para incorporar persoal facultativo especialista en determinados ámbitos e postos; a pesar das medidas adoptadas nos últimos anos polo Goberno galego” para incentivar a oferta de vínculos temporais de longa duración ou a asignación de puntuacións específicas pola prestación de servizos en hospitais comarcais e en centros sanitarios illados con prazas de difícil cobertura.
Galicia foi pioneira na aprobación da lei 2/2022, de 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde.
Os populares lembran, así mesmo, que “PSOE e BNG votaron en contra destas medidas no Parlamento de Galicia”.