Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba esixe ao goberno local o arranxo “urxente das pistas das parroquias do rural que están nun estado deplorable”

Os populares farán constar no vindeiro pleno a necesidade de reparar o mal estado do firme e a presenza de baches de gran tamaño nalgunhas vías de competencia do Concello “para garantir unha circulación segura”

Vilalba, 29 de xaneiro de 2025. O PP de Vilalba urxe ao goberno bipartito de PSOE e Vilalba Aberta a intervir de forma urxente nas pistas das parroquias do rural para “garantir unha circulación segura”. Os concelleiros do Partido Popular trasladan ante o Pleno unha das queixas dos veciños e veciñas de moitas parroquias que sofren a diario o estado “deplorable” das pistas municipais.

Os populares xa teñen advertido desta situación que causa prexuízos na mobilidade diaria dos vilalbeses e vilalbesas debido ao mal estado do firme por falta de mantemento, sucesións de baches de gran tamaño, ausencia de asfalto nalgunha vía con zonas desfeitas. “Esa é a realidade que viven moitos veciños e veciñas cando saen das súas casas”, subliñan.

Algúns exemplos son a pista que vai dende o campo da festa de San Xoán de Alba ata a estrada Antiga Serra, a pista do Cotillón que une Alba e Torre ou a pista de Carralmaior. Tamén teñen advertido do mal estado de vías municipais nas parroquias de Carballido, Santaballa, Vilapedre, etc.

Os concelleiros do PP propoñen, concretamente, un plan específico para o arranxo das pistas que inclúa a priorización das vías máis deterioradas e a execución de melloras que garantan a seguridade viaria, como a reparación do firme e a limpeza das cunetas para unha adecuada evacuación das augas pluviais.

Os populares consideran que “esta é unha actuación prioritaria” para os vilalbeses e vilalbesas e pídenlle ao bipartito que “se poña do lado dos veciños e veciñas para ofrecerlles os servizos municipais que merecen”. Á vista de que Vilalba Aberta prometera o arranxo das vías do rural, tamén se dirixen á súa área para que dea a coñecer o plan para as actuacións neste 2025.

OBRAS E MANTEMENTO NO CASCO URBANO

Igualmente, esixen ao goberno local bipartito “explicar o plan de obras que din ter previsto para esta anualidade” toda vez que “no pleno do mes pasado confirmamos que está no mesmo punto que fai uns meses”.

Tamén esixen os concelleiros do PP explicacións ao goberno local sobre os motivos polos que os veciños e veciñas da rúa José María Chao Ledo estiveron sen iluminación pública durante unha semana e agora só dispoñen dalgúns puntos de luz porque algunhas farolas están apagadas.

Exit mobile version