O Partido Popular aposta por “convocar as axudas a clubs, asociacións e outras entidades sociais a comezos de ano de forma que lles permitan planificar as súas actividades e contar cunha previsión de fondos”
Vilalba, 22 de xaneiro de 2025. O PP de Vilalba denuncia que “o goberno de PSOE e Vilalba Aberta deixa tiradas ás asociacións por segundo ano consecutivo”. Os populares advirten que “o goberno municipal leva máis de dous anos sen convocar as subvencións de concorrencia competitiva -as que se outorgan por puntuación-” polo que aquelas que non están incluídas entre as subvencións nominativas -as que outorga o goberno de forma directa- quedan sen opcións de conseguir axudas do Concello.
Por iso, o Grupo Municipal Popular levará como proposta ao Pleno municipal que se convoquen as subvencións de concorrencia competitiva e con partida específica nos orzamentos para o 2025.
Os concelleiros do PP afean que, desta forma, “medio cento de asociacións quedan sen apoio para facer fronte a gastos básicos como o pago dos recibos da luz e da auga dos seus locais sociais”.
Dende o PP vilalbés consideran que “este é un claro indicativo do pouco que lles interesan os distintos colectivos do noso concello ao goberno municipal” ou o que é o mesmo “o pouco que lles interesan os veciños e veciñas de Vilalba” e a dinamización social, cultural e deportiva.
Incluso, isto “define o estilo de goberno de PSOE-Vilalba Aberta: alleo ao que demandan os vilalbeses, sen ter en conta as súas necesidades e sen vontade por escoitar e dialogar”.
O Partido Popular xa ten manifestado noutras ocasións a súa aposta por “convocar as axudas a clubs, asociacións e outras entidades sociais a comezos de ano” de forma que “sexan útiles a estes colectivos ao coñecer a comezos de ano o apoio co que poden contar dende o Concello para planificar as súas actividades sabendo dos fondos dos que dispoñen e podendo axustar os seus gastos aos seus ingresos anuais”.
Os populares inciden en que “o Concello de Vilalba non dispón de orzamento aprobado para este 2025, polo que se prorroga o do 2024 nos que non consignaban partida orzamentaria para axudas en réxime de concorrencia competitiva”.
Nese sentido, convidan á alcaldesa a que, “en lugar de facer oposición á oposición e facerse fotos para as redes sociais, se poña a traballar nas competencias que lle son propias como é a de presentar un proxecto de orzamentos actualizado que responda ás necesidades dos vilalbeses e non aos seus propios caprichos”.