Os concelleiros do Grupo Municipal Popular esixen “controlar debidamente as labores de mantemento do campo da Magdalena que permitan darlle uso en condicións de seguridade aos usuarios e usuarias”
Vilalba, 20 de xaneiro de 2025. “Deplorable” é o estado do terreo de xogo do estadio municipal A Magdalena. Os concelleiros do PP de Vilalba fan públicas as queixas dos vilalbeses e vilalbesas, especialmente os afeccionados ao fútbol que apoian ao equipo local, o Racing Club Villalbés.
Os populares afean que “o goberno municipal de PSOE e Vilalba Aberta deixe á súa sorte o estado das instalacións deportivas municipais”. De feito, lembran que “unha das súas funcións é a xestión deste tipo de instalacións que no seu momento destacaban polo seu bo estado, por ser un referente no seu ámbito e, polo tanto, ofrecer un bo servizo aos vilalbeses e unha boa imaxe aos visitantes”.
O mal estado do terreo do xogo afecta, principalmente, aos seus usuarios; pero tamén supón un prexuízo para Vilalba e os vilalbeses en xeral toda vez que “non se están a conservar instalacións municipais que forman parte do patrimonio do Concello” e, polo tanto, “de tódolos vilalbeses e vilalbesas”.
O Partido Popular xa denunciara o abandono e falta de xestión por parte do goberno municipal o pasado mes de outubro: “o estado do estadio municipal da Magdalena é moi deficiente debido á falta dun mantemento adecuado do terreo de xogo, a pesar de que o Concello dirixe 4.000 euros ao mes para o coidado da Magdalena, pero sen controlar os traballos”. É dicir, “Vilalba dispón dunha instalación deportiva que, pola falta de mantemento, non serve para o que foi deseñada”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular esixen “controlar debidamente as labores de mantemento do campo da Magdalena que permitan darlle uso en condicións de seguridade aos usuarios e usuarias”.
APARCAMENTO
Así mesmo, fanse eco das queixas polo mal estado da explanada que serve de aparcamento para os coches no entorno da Área Recreativa e piden “unha actuación de mellora”. Neste caso, “só sería necesario un pouco de interese por parte do goberno municipal” que “prefire publicar fotos e vídeos en lugar de xestionar as competencias que lle corresponden”.