O Partido Popular impulsara unha campaña online para reclamar ao Executivo “cuestións imprescindibles” que mesturou con “asuntos inaceptables” nun decreto-trampa
Lugo, 27 de xaneiro de 2025.- O Partido Popular da provincia de Lugo habilita na súa sede provincial a recollida de firmas de forma presencial e na rúa que se suma á campaña online (https://www.change.org/p/subida-de-las-pensiones-ya-ayuda-a-valencia-ya-descuentos-en-el-transporte-ya) para demandarlle ao Goberno de Sánchez a suba das pensións, a bonificación do transporte público e as axudas aos afectados pola DINA en Valencia.
Sánchez levou ao Congreso un Decreto que mesturaba “cuestións imprescindibles” -como a subida das pensións, as axudas a Valencia pola DINA ou a prórroga dos descontos do transporte público- con “asuntos inaceptables” como a subida do IVE nos alimentos básicos e a luz, unha maior protección para os okupas, o recorte no financiamento das comunidades autónomas en sanidade, educación ou dependencia e o regalo dun palacete ao PNV.
Os populares condenan que “o Goberno de Sánchez queira enganar a todos os españois cun decreto-trampa para poder culpar á oposición e pretender seguir gobernando, a pesar de non dispoñer da maioría parlamentaria”.
Dende o Partido Popular “non aceptamos chantaxes. O que si ofrecemos son os nosos votos para aprobar a revalorización das pensións, as rebaixas no transporte público e as axudas aos afectados polas riadas en Valencia, se o Goberno presenta os decretos por separado”, puntualizan.
É máis, “se Sánchez ten verdadeiramente a vontade de subir as pensións, axudar a Valencia ou prorrogar os descontos do transporte público, pode someter a votación aqueles puntos nos que a maioría está de acordo”, explican.
Sánchez ten nas súas mans facelo de forma inmediata: tramitando a Proposición de Lei que presentou o Partido Popular no Congreso ou vía decreto nun Consello de Ministros extraordinario. Esta mesma semana tamén se votará unha moción do PP no Senado para que o Goberno o convoque.
TRANSPORTE PÚBLICO EN GALICIA
A Xunta de Galicia mantén a bonificación da tarifa do 50% ata finais deste mes. “Agardamos que o Goberno do Estado traslade certezas aos usuarios e non os utilice nas súas batallas partidistas”.
Independentemente das accións do Goberno de Sánchez, en Galicia a Xunta garante a bonificación do 20% que lle corresponde durante o 2025 e ata a implantación da Área de Transportes de Galicia.
Os populares lembran, ademais, que a Xunta aplica outros descontos no transporte interurbano como a redución do 10% sobre a tarifa en efectivo, descontos do 15% a usuarios recorrentes e ata 50% a familias numerosas ou 60 viaxes gratis ao mes coa Tarxeta Xente Nova ou coa Tarifa +65.