Os populares cren que “tanto os sindicatos que representan aos traballadores como a propia veciñanza valorarán de forma positiva esta medida” que permitiría saber “que traballos se poden desenvolver deste xeito”
Burela, 28 de xaneiro de 2025. O Grupo Municipal Popular de Burela proporá no vindeiro Pleno a regularización do teletraballo no Concello para o persoal municipal.
O portavoz, Manuel Rouco, explica que “é algo xusto” toda vez que “observamos dende fai tempo que este tipo de actividade non está regularizada dentro da normativa municipal”.
Os populares cren que “o apropiado é que tódolos traballadores e traballadoras saiban en que condicións se pode prestar este servizo” e que “estean amparados por algún tipo de normativa”; neste caso, un regulamento.
Rouco engade que “tamén é xusto que os veciños e veciñas de Burela saiban que postos de traballo se poden prestar ou prestarán este servizo en detrimento da presenza física dos propios funcionarios ou persoal laboral”.
O popular cre que “tanto os sindicatos que representan aos traballadores do Concello como a propia veciñanza valorarán de forma positiva esta medida”.