“É evidente o fracaso do bipartito en Foz, non só pola ruptura entre PSOE e BNG, senón tamén pola inoperante xestión administrativa”, sinala o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira
Foz, 29 de xaneiro de 2025. O Partido Popular crítica a nula capacidade de traballo e de xestión do goberno socialista de Foz. Así se demostra na falta de propostas do equipo de goberno na convocatoria do pleno que se celebrará mañá.
“É evidente o fracaso do bipartito en Foz, non só pola ruptura entre PSOE e BNG, senón tamén pola inoperante xestión administrativa e proba diso é que nestes dous últimos meses transcorridos non teñen ningún asunto que propoñer ao pleno que se celebrará este xoves”, sinala o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira.
Moción do Partido Popular
O PP de Foz é o único grupo que presenta unha moción para debater sobre a economía municipal e propoñerlle ao Goberno de Sánchez que posibilite legalmente o uso dos remanentes orzamentarios por parte dos concellos, é dicir, que os municipios como Foz poidan “tirar” dos aforros xerados no seu día, como pasou entre os anos 2011 e 2019 durante un goberno local do Partido Popular, e dado que actualmente a economía municipal non pasa polo seu mellor momento segundo arroxan as liquidacións de exercicios anteriores e o incremento do período de pago a empresas e asociacións.
“Presentamos esta moción por dous motivos. En primeiro lugar, para darlle unha oportunidade ao señor alcalde de explicar a lamentable situación de impagos creada no 2024 que levou á merma de servizos como o punto limpo, ou para que diga en que investiu os centos de miles de euros que recadou de máis pola suba dos impostos e taxas municipais; queremos saber da economía do Concello dado que, ao non presentar os orzamentos para o 2025, non sabemos a situación real e o estado das contas que xa deberían estar aprobadas. E en segundo lugar, queremos seguir a aportar solucións polo que vamos a pedirlle ao Goberno do Estado que nos deixe xestionar os remanentes posto que Foz, ao igual que o Goberno de Sánchez, segue sen orzamentos o que implica que o Concello non poida dispor de recursos propios, como os remanentes, para sacar adiante investimentos necesarios”, explica Javier Castiñeira.
En todo caso, é moi ilustrativo que no pleno unicamente vaian iniciativas do Partido Popular que parece ser o único interesado en “tirar do carro” do Concello de Foz.