A intención do Executivo de suprimir paradas afectaría, como mínimo, á Pontenova, Meira, Guitiriz, Palas de Rei, O Corgo, Baralla, Monterroso, As Nogais, Pedrafita, Chantada e Quiroga
Os senadores lucenses do PP -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- dirixen formalmente unha pregunta para saber se o Goberno de España prevé “rectificar” a súa intención de suprimir paradas na Pontenova, Meira, Guitiriz, Palas de Rei, O Corgo, Baralla, Monterroso, As Nogais, Pedrafita, Chantada e Quiroga; toda vez que o Grupo Popular logrou aprobar unha iniciativa no Senado -co voto en contra do PSOE e a abstención do BNG- para instar ao Executivo a elaborar un novo mapa que “corrixa esa discriminación aos pequenos concellos do rural”.
As liñas regulares de transporte de viaxeiros por autobús son claves para garantir e favorecer a mobilidade dos cidadáns, en especial do que viven en zonas rurais e con menor densidade de poboación, e tamén para comunicar os territorios das distintas comunidades autónomas de España.
O transporte interurbano de viaxeiros por estrada é un servizo de carácter público de competencia estatal prestado mediante un contrato de concesión. Por tanto, corresponde ao Goberno de España e, en particular, ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, deseñar a rede estatal.
En xullo do ano 2022 tivo lugar un primeiro intento de impoñer un novo mapa de rutas do autobús estatal, que provocou gran alarma e alegacións tanto entre os gobernos autonómicos como entre a cidadanía, pola supresión de paradas e rutas.
A pesar de que no seu momento se retirou esta proposta polo rexeitamento que provocou; hoxe sabemos que “lonxe de rectificar, o Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, volve propoñer un novo mapa que retoma a indisimulada intención de suprimir paradas e rutas en termos semellantes aos do ano 2022”, segundo censuran os senadores do PP lucense.
Só en Galicia, o mapa proposto polo Goberno de España supoñería que 22 municipios galegos -máis de 130.000 habitantes- quedarían illados nas rutas estatais e, complementariamente pretende, suprimir os tráficos dentro da propia comunidade que si viñan prestando ata o de agora.