Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP apoia a recollida de firmas dos veciños de Santa María Maior, Mondoñedo, para esixir ao goberno provincial a reparación da drenaxe da LU-P-3103

Os deputados provinciais e o alcalde de Mondoñedo mantiveron unha nova reunión cos afectados pola rotura das canalizacións fai máis de dous anos causando inundacións nas vivendas do Fondo da Vila cada vez que chove abundantemente e provocando que a propia estrada sexa insegura

Mondoñedo, 13 de xaneiro de 2025. Os deputados provinciais do PP -Antonio Ameijide, Clemente Iglesias e José María Fernández- mantiveron unha nova reunión co alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero, e os veciños e veciñas da parroquia de Santa María Maior afectados pola rotura das canalizacións de drenaxe da estrada provincial LU-P-3103 ao seu paso polo barrio do Fondo da Vila despois de achegarse á parroquia noutras dúas ocasións no último ano e medio.

Nesta ocasión, os veciños e veciñas explicaron que presentaron máis de 260 sinaturas para esixir á Deputación de Lugo, como titular da vía, que arranxe debidamente o drenaxe e repare os danos na estrada logo de dous anos de problemas e danos constantes ás súas vivendas e propiedades.

Os populares xa trasladaran de forma oficial ao goberno provincial de PSOE e BNG no Pleno da Deputación a situación destes veciños que, nalgúns casos, sofren inundacións nas súas propias vivendas; pero que todos se vén afectados polas riadas de auga que baixan pola estrada cando chove con intensidade e a auga sae polos buratos que fixo a presión da auga fai máis de dous anos, o pasado 1 de xaneiro de 2023. Dende entón, os veciños e veciñas viven situacións de risco de caídas no entorno das súas vivendas e na entrada á Casa da Escola, que é o local que empregan os veciños da parroquia para as súas actividades.

O portavoz, Antonio Ameijide, agarda que “o goberno de PSOE e BNG escoite as reclamacións dos propios veciños e veciñas, xa que non escoitou as demandas que lle trasladamos dende o Grupo Provincial Popular que si está a escoitar as necesidades dos lucenses sen distincións de cores políticas”.

Nese sentido, pregunta a PSOE e BNG “se están agardando a que aconteza unha desgraza para actuar ou cal é o motivo de levar máis de dous anos sen asumir as competencias da Deputación nesta vía provincial e levar a cabo os traballos oportunos para resolver estes problemas”.

O portavoz popular sinala que “as canalizacións para o drenaxe transversal e lonxitudinal rebentaron pola presión da auga en momentos de intensas precipitacións debido, moi probablemente ao mal deseño, obstrución e falta de mantemento, xerando danos no asfalto e nas vivendas e un risco innecesario”. E no lugar de Braña, tamén na marxe desta mesma estrada provincial, a canalización e a drenaxe están totalmente desfeitas. Pero ante esta situación, “o goberno provincial de PSOE e BNG non se preocupa o máis mínimo e a desfeita leva xa máis dous anos sen reparar”.

RECLAMACIÓN

A través dunha recollida de firmas, máis de 260 veciños e veciñas amosan o seu apoio á reclamación para que a Deputación de Lugo acondicione axeitadamente a drenaxe da estrada provincial LU-P-3103 ao seu paso pola parroquia de Santa María Maior realizando as obras e estudos técnicos necesarios para garantir a seguridade de persoas, inmobles e vehículos. Que se adopten deste xeito as medidas oportunas para canalizar mediante canalizacións de drenaxe lonxitudinal e transversal a auga de escorrentía nesta vía provincial, que se leve a cabo un mantemento axeitado das cunetas e que se reparen os danos causados ao firme da estrada, para que non se repitan feitos como os sufridos durante estes anos.

Exit mobile version