Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP agarda que a campaña que a Deputación levará a Fitur “sexa o impulso que precisa” o turismo da provincia

Os deputados populares acuden a Fitur a apoiar a promoción turística da provincia de Lugo e dos seus 67 concellos, pero tamén a aprender do que están facendo outras provincias de España e observar o que fan outros territorios fóra do país

Lugo, 21 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular participarán dende mañá nunha nova edición de Fitur, unha das citas máis importantes do mundo para o sector turístico, e na que “agardamos que o goberno de José Tomé estea á altura para difundir de forma axeitada” a provincia de Lugo e todos os seus reclamos turísticos.

Os deputados populares lamentan que “ata o último momento” non se revelase a campaña que a Deputación de Lugo levará a Fitur, unha acción que “seguramente se deba á improvisación por parte do goberno provincial”.

Pese a todo, dende o Grupo Provincial Popular agardan que Fitur “sexa o revulsivo” que precisa o turismo da provincia de Lugo “un sector que cun goberno do Partido Popular á fronte da Deputación si que se coidou e tivo a este sector como unha referencia de xeración de riqueza e como un dos motores económicos da provincia”.

Un exemplo da implicación e o traballo por parte do Partido Popular “foi a aposta polos embarcadoiros e catamaráns, mentres que José Tomé, o PSOE e o BNG prefiren non coidalos ata o punto de crear un desguace para os catamaráns na nave que a Deputación de Lugo ten en Begonte”.

“Se de verdade se preocupasen por atraer turistas á provincia comezarían polo básico, que é ter unhas estradas en boas condicións de mantemento e desbrozadas”, xa que, cómpre recordar que “no 2024 houbo moitas estradas da Mariña completamente cheas de maleza, dificultando a circulación e a visibilidade xa no mes de xullo, coa campaña de verán xa comezada”.

Os deputados populares ven fundamental “activar” o Consorcio de Turismo Provincial “como un ente no que todos os participantes poidan realizar propostas, sexan debatidas, e, entre todos, chegar aos mellores consensos para fomentar a chegada de turistas á provincia”.

Exit mobile version