Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa a Tomé de “seguir beneficiando a afíns ao negarse unha vez más a facer un reparto xusto, igualitario e transparente dos medios do parque móbil”

Os populares reclamaban “á vista das reiteradas queixas de alcaldes” que se habilitase un procedemento xusto, público e transparente para a posta a disposición dos medios cos que se conta no parque móbil provincial, especialmente a todos os municipios cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes

Lugo, 28 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan “a falta de transparencia e dun trato igualitario” para todos os veciños da provincia coas que seguen a gobernar a Deputación de Lugo tanto PSOE como BNG.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, “segue sen entender” que José Tomé “se negue a permitir un reparto xusto e igualitario” dos medios do parque móbil para todos os veciños da provincia xa que “a realidade é que, polos poucos datos aos que temos acceso, son moi poucos os concellos cos que se colabora, sendo a maior parte deses poucos case sempre afíns ao goberno provincial”.

A petición realizada polo Grupo Provincial Popular e que se negaron a aprobar PSOE e BNG, consistía en convocar, no prazo máximo dun mes, unha mesa de traballo, coa participación de todos os grupos, para que o Goberno provincial poida coordinar o traballo dos distintos equipos do Parque móbil provincial, tendo en conta as conclusións da citada mesa.

Unha medida fundamental para analizar e coñecer os concellos cos que colaborou a Deputación de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos e así poder elaborar un informe de necesidades por municipios, dando prioridade ás máis urxentes por motivos de seguridade ou por menor presencia ou colaboración dos equipos do parque móbil nos últimos anos.

Unha mesa de traballo que debería de convocarse trimestralmente de forma periódica.

A realidade é que esta petición, que xa se defendeu no pleno de xullo de 2023 a iniciativa tamén do PP, volveu a defenderse tras ver como “son moitos os alcaldes da provincia que se queixan da falta de colaboración do goberno provincial para facilitar os medios do parque móbil para que cada municipio poida efectuar traballos de mellora e mantemento das vías municipais, chegando ao punto de que hai alcaldes que hai anos que non ven a maquinaria do parque móbil nos seus concellos”.

“É fundamental poñer a disposición de todos os municipios da provincia os medios existentes no parque móbil provincial en base a criterios obxectivos e igualitarios, con total transparencia e publicidade, para que á hora de programar o traballo do parque móbil teñan preferencia aqueles municipios nos que nunca se actuara ou se fixera na data máis afastada dende a súa posta en marcha, ou por motivos de urxencia e necesidade debidamente acreditados”, defendeu, ao que engadiu que “non deixaremos de traballar ata acadar un reparto xusto dos medios do parque móbil porque como dixemos dende o primeiro día, acadar a igualdade de trato para todos os veciños da provincia é o que guía a nosa folla de traballo”.

Exit mobile version