Alfoz, 24 de xaneiro de 2024. No pleno celebrado este xoves no Concello de Alfoz, aprobouse por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal de VIA Alfoz para instar ao Ministerio do Interior a realizar obras de reforma e rehabilitación na Casa Cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro. Ademais, incluíuse no acordo unha solicitude de incremento de recursos persoais para o cuartel.
A moción destaca a importancia desta infraestrutura para garantir a seguridade cidadá nos concellos de Alfoz e O Valadouro, sinalando o deterioro actual das instalacións, que dificulta a prestación óptima do servizo. Entre os problemas identificados inclúense o illamento térmico insuficiente, o deterioro xeral e a necesidade dunha mellor redistribución dos espazos para garantir a funcionalidade e comodidade do persoal.
A Casa Cuartel de Ferreira, recoñecida como o cuartel máis antigo da provincia de Lugo, precisa dunha rehabilitación integral para asegurar a súa habitabilidade e ecoeficiencia. O Grupo Municipal de VIA Alfoz destacou que, malia que no ano 2019 se anunciaran investimentos nesta infraestrutura por parte da Subdelegación do Goberno en Lugo, estes non chegaron a executarse, agravando o deterioro co paso do tempo.
O acordo adoptado inclúe os seguintes puntos:
1. Solicitar ao Ministerio do Interior que leve a cabo obras de reforma e rehabilitación na Casa Cuartel, garantindo a súa adecuación funcional e ecoeficiencia.
2. Demandar un incremento de recursos persoais asignados ao cuartel para reforzar o servizo de seguridade cidadá na comarca.
3. Trasladar o acordo ao Ministerio do Interior, á Delegación do Goberno en Galicia, á Subdelegación do Goberno en Lugo e ao Concello do Valadouro.
Desde a Alcaldía de Alfoz tamén se anunciou a intención de solicitar unha reunión coa Subdelegada do Goberno en Lugo para abordar esta situación e avanzar na busca de solucións.