A tenenta de alcaldesa e responsable da Área de Accesibilidade, Míriam Bermúdez García, estará acompañada por profesionais especializados para explicar os detalles deste proxecto que considera “clave para garantir unha mobilidade máis segura e cómoda para toda a veciñanza”.
No acto intervirán tamén Álvaro García Bustelo, membro da Xunta Directiva de COGAMI e responsable da Área de Accesibilidade; Diego Piñeiro Pérez, arquitecto especialista en accesibilidade e responsable da auditoría realizada; e Alejandro Rodríguez González, arquitecto encargado da redacción do Plan de Accesibilidade.
Bermúdez afirma que este plan busca “mellorar as condicións de accesibilidade nos espazos públicos de Viveiro, eliminando barreiras arquitectónicas e promovendo solucións que permitan unha maior autonomía para todas as persoas, especialmente aquelas con mobilidade reducida”.
A tenenta de alcaldesa destacou a “importancia deste proxecto para construír un Viveiro máis igualitario”, reafirmando a súa aposta por un municipio máis accesible e sinalando que “a accesibilidade é unha cuestión de dereitos e de xustiza social”.
“Con este plan queremos avanzar cara a un concello máis inclusivo, no que todas as persoas poidan moverse con liberdade e seguridade”, apunta Bermúdez.”Convido a toda a veciñanza a asistir á presentación para coñecer de primeira man os cambios que se propoñen e para achegar as súas ideas e necesidades, xa que a accesibilidade benefícianos a todas e todos”, engade.