Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central a urxente mellora da estrada N-640 entre os concellos de Meira e A Pastoriza

“Estamos diante dun novo exemplo do abandono do Goberno central á provincia de Lugo en materia de infraestruturas, porque tamén hai que comprobar o lamentable estado da N-540 ao seu paso polo concello de Chantada, a mala xestión en materia ferroviaria ou a eliminación de paradas de autobuses”, sinalou Nicole Grueira

Compostela, 23 de xaneiro de 2025. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que inicie con carácter urxente as obras de mellora da estrada N-640 no tramo limítrofe entre os concellos de Meira e Pastoriza, especialmente no punto quilométrico 60 e as súas proximidades, para garantir a seguridade dos usuarios e reducir o risco de accidentes. Así mesmo, pídese que manteña a rede viaria estatal en boas condicións, asegurando que se dispoña dun pavimento axeitado, sinalización visible e alumeado suficiente para favorecer unha circulación segura e fluída aos galegos e galegas.

A deputada popular Nicole Grueira lembrou que a estrada N-640 “é a principal arteria de comunicación para os municipios da comarca de Meira, a principal conexión entre Lugo e Asturias e unha das vías de comunicación máis empregadas para os desprazamentos desde a cidade de Lugo á Mariña oriental”. “Unha vía de gran importancia para o tráfico de curto e medio percorrido, empregada diariamente por transportistas, autónomos, transporte escolar, traballadores e veciños que dependen dela para desprazarse”, apuntou.

Porén, lamentou que “actualmente atópase nun estado lamentable que non permite realizar unha circulación segura e normal, que ademais pon en risco tanto a seguridade viaria como indirectamente tamén ao desenvolvemento económico da zona”.

LUGO, PROVINCIA ESQUECIDA PARA O GOBERNO CENTRAL

Nicole Grueira criticou que o Goberno de Pedro Sánchez, nunha resposta escrita aos deputados do Grupo Popular no Senado, afirmou que esta estrada atópase en “correctas condicións”. “Estamos diante dun novo exemplo do abandono do Goberno central á provincia de Lugo en materia de infraestruturas, xa que a N-640 non é a única infraestrutura que reflicte esta deixadez, porque só hai que comprobar o lamentable estado tamén da N-540 ao seu paso polo concello de Chantada, a mala xestión en materia ferroviaria ou a eliminación de paradas de autobuses”, sinalou.

“Lugo non pode seguir sendo unha provincia esquecida, cunhas infraestruturas que, ademais de insuficientes, están en condicións lamentables”, indicou a deputada popular, quen rematou subliñando que “pedimos o mínimo que se pode esixir a unha estrada nacional: un pavimento seguro, unha sinalización visible, un alumeado adecuado e un mantemento continuo para evitar chegar a estes niveis de degradación”.

Exit mobile version