“¿Que poden esperar as veciñas e veciños da súa xestión?”, preguntou o deputado nacionalista, despois de escoitar como, antes de votar a favor da moción do BNG, o deputado popular e alcalde de Riotorto Clemente Iglesias xustificou e normalizou a falta de persoal médico no centro de saúde e fixo de menos a preocupación e a mobilización polo futuro da atención primaria no seu municipio.
“Desde o Concello deberían liderar a esixencia de persoal no centro de saúde e poñerse do lado das veciñas e veciños que teñen dereito a unha atención estable e continuada ”, seguiu o deputado mariñao, que criticou que o alcalde de Riotorto “dedicou máis tempo a pedir que o BNG de Riotorto o inclúa nas fotos das notas de prensa que a reclamar á Xunta de Galicia unha solución para o centro de saúde.”