Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo municipal socialista de Foz pídelle ao voceiro popular “mais respecto e menos insultos”

Foz, 14 de xaneiro de 2025. O grupo municipal socialista de Foz pídelle ao voceiro local do Partido Popular máis respecto e mostra a súa repulsa ás declaracións “insultantes e destrutivas de Javier Castiñeira”.

“O voceiro da oposición sempre está faltando ao respecto aos concelleiros da corporación de Foz. Xa nun dos últimos plenos nos dixo que vostedes so están aquí para levantar a man ou a min mesma: se está traumatizada vaia ao psicólogo”, explica a voceira socialista, Inés López Couto, que engade: “ningunha persoa vén de concelleiro só a levantar a man, pero igual o voceiro do PP de Foz está na corporación só para insultar, porque a este pobo nada lle aporta”.

Inés López di que Javier Castiñeira “está en contra de todo. Non propón nada en positivo. Só se queixa, sen presentar alternativa ningunha. Fala de ordeno e mando quen non escoitou nada do que lle dixo ninguén nos seus maiores proxectos, as dúas avenidas de Foz, e xa se ve o resultado e o traballo que lle deixou a outros. Recordámoslle que foi alcalde oito anos e xa se ven os seus lustrosos proxectos”.

A voceira do grupo municipal socialista explica tamén que o portavoz do PP “acusa de vitimismo a un grupo que nunca se esconde, que vai defender sempre as necesidades deste pobo e, en minoría, aínda máis. Fala de vitimismo quen sempre, en cada alegato da súa época de alcalde di porque eu gobernaba en minoría e era moi difícil. A súa vara de medir e distinta para el que para os demais. Está ben ser visionario. Leva dúas lexislaturas predicindo, creo que é un traballo que se lle dá moi ben. Que mala sorte que nunca prediga nada bo para Foz. É o que fai, predicir. Os sete concelleiros deste grupo pedímoslle máis respecto e menos insultos. Quizais non sabe facer oposición doutro xeito, está claro que argumentar non é o seu, así que pode seguir así e esperamos a súa próxima pataleta”.

Exit mobile version