Alfonso Villares resaltou a folla de ruta autonómica que mobilizará máis de 114 M€ ata o 2027 de cuxas medidas tamén se beneficiará a cadea mar-industria en ámbitos como a competitividade e innovación
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe en Santiago o Consello Galego de Pesca no que se abordaron os principais desafíos que atravesa o sector e as oportunidades que ofrece a Estratexia da Economía Azul de Galicia (EAG) e o despregue das novas oficinas Es Mar de asesoramento ao sector pesqueiro ao sector pesqueiro co obxectivo de “non deixar escapar un só euro” do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) 2021-2027.
No encontro, que tamén serviu para presentar á nova directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, o responsable autonómico destacou que EAG sirve como folla de ruta autonómica que suporá a mobilización de máis de 114 M€ ata o 2027 de cuxas medidas tamén se beneficiará o sector pesqueiro no desenvolvemento de ámbitos como a competitividade, a sostibilidade ou a innovación. Un traballo no que os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp), dependentes da Consellería do Mar, xogarán un papel destacado.
Por outra banda, sinalou as novas oficinas Es Mar como unha ferramenta máis posta en mans da pesca galega para conseguir o maior impacto destes fondos europeos, dos cales máis de 366 M€ corresponden a Galicia, neste sector estratéxico. Así, este novo servizo permitirá asesorar aos potenciais beneficiarios en materias como os investimentos amparados por este fondo, sobre o acceso e execución das actuacións financiadas, no ámbito de competitividade empresarial, así como a identificación e proposta de melloras sobre o seguimento, xestión e avaliación e control das axudas.
Tamén, sen sair do ámbito europeo, o titular de Mar avaliou co sector o resultado das negociacións de TAC e cotas celebradas en Bruxelas en decembro que supuxo novos recortes para a pesca galega. Nesta liña, puxo en valor a información aportada polo Goberno galego ao Ministerio co obxectivo de poñer negro sobre branco os efectos socioeconómicos da proposta da Comisión e lamentou a nula capacidade negociadora do Executivo estatal. Tamén compartiu co sector a necesidade de defender a frota artesanal nas institucións comunitarias para que conte cun tratamento diferencial e resaltou as oportunidades que ofrece a Galicia ostentar o grupo de traballo Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).
Ataques ao sector
O conselleiro do Mar deu conta das accións postas en marcha pola Consellería do Mar enfocadas á promoción e a mellora da comercialización dos produtos do mar, entre as que destaca a campaña GALICIA SABE AMAR, co obxectivo de reverter a tendencia negativa no consumo destes produtos. Unha política que contrasta coa falta de actuacións por parte do Goberno central, para descontento do sector, e que se suma á proposta de reducir a presenza do peixe na dieta dos escolares ou a reiterada negativa a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros. Alfonso Villares denunciou xunto ao sector que se trata dunha liña de actuación de constantes ataques ao sector.
Apoio ao marisqueo
O titular de Mar puxo en valor o grao de execución do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia 2024-2025 que conta cunha dotación de 123 M€ dos cales xa foron mobilizados 70 M€. Ademais, subliñou o traballo que se está desenvolvendo por parte dos investigadores e persoal técnico nos centros de investigación mariña autonómicos e as universidades galegas para artellar as mellores solucións ante factores como o cambio climático. Unha aposta, dixo, pola ciencia que, se ben non dá resultados inmediatos, si permitirá o deseño de medidas e actuacións que garantan a sostibilidade económica e medioambiental da actividade marisqueira.