A alcaldesa, Marta Rouco, úrxelle á Xunta de Galicia “unha solución inmediata para unha situación que pon en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas, pois tamén se suman graves incidencias no servizo de atención primaria de adultos”
“As dúas profesionais de pediatría do noso centro de saúde atópanse nunha situación de baixa laboral e a Xunta de Galicia non cubre ningunha das súas prazas con substitutos, o que ocasiona graves trastornos para as familias e pon en risco a saúde dos nosos nenos e nenas pola falta de profesionais especializados”, sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
A esta situación súmase que “a solución que lles dan ás familias é que os nenos e nenas pasen polo triaxe de urxencias, deixando en mans do médico de urxencias a responsabilidade de atendelos ou non”, explicou Rouco, ao que engadiu que “é completamente normal que os médicos de familia se neguen a atender nenos, pois non é a súa especialidade nin responsabilidade, é unha cuestión moi seria”.
En consecuencia, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, úrxelle á Xunta de Galicia “unha solución inmediata para un servizo básico que leva moitos anos sufrindo graves problemas na nosa vila”. “Cando menos, é imprescindible cubrir unha das prazas de pediatría, é impensable que un concello das nosas características, cun cupo de nenos e de nenas moi elevado non conte cun profesional especializado en pediatría”, salientou Rouco.
“Tampouco é lóxico que a solución da Xunta de Galicia sexa derivar as familias a Pastoriza ou Meira, en función de onde se atope o pediatra, porque é inviable que ese profesional atenda o seu cupo de pacientes máis todos os que se deriven dende Vilalba”, explicou Marta Rouco, ao tempo que defendeu que “ir ás urxencias do HULA acaba sendo a opción máis recorrente, o que ocasiona un colapso deste servizo, no que ademais non poden facerse cuestións básicas como as revisións de idade dos nenos e nenas”.
“É aberrante que as familias teñan que acabar véndose obrigadas a acudir a un médico privado, co consecuente custe económico que supón” salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen engadiu que “a situación é límite, peor ca nunca, tanto no servizo de pediatría como nos demais servizos do centro de saúde”.
ATENCIÓN PRIMARIA DE ADULTOS
“Os profesionais de atención primaria de adultos levan meses atendendo pacientes de compañeiros e compañeiras que se xubilaron ou están de baixa e que a Xunta de Galicia non cubre con substitutos”, explicou Rouco.
“A situación é insostible porque na atención primaria de adultos hai 3 cupos sen cubrir e outro que só ten cobertura 3 días á semana, un deses días a media xornada” sinalou a alcaldesa de Vilalba, ao que engadiu que “é unha situación que se vén arrastrando nalgúns casos durante preto dun ano”.
“A única solución da Xunta de Galicia é cubrir puntualmente os cupos con substitutos ou desprazamentos de profesionais doutros centros, pero por norma xeral os profesionais que están traballando repártense os pacientes ou bloquéanse as axendas dos cupos sen cubrir de forma que só se atenden urxencias ou incidencias agudas”, salientou Marta Rouco.
“A esta complexa situación súmase que os profesionais de atención primaria teñen que atender en determinadas ocasións a pacientes derivados do centro de saúde do concello de Abadín e as ausencias de profesionais de vacacións, baixas puntuais ou permisos ós que teñen dereito como todos os traballadores”, aclarou a rexedora vilalbesa, concluíndo que “os profesionais traballan nunhas circunstancias límites nas que lles é moi complexo atender dunha forma axeitada as patoloxías dos pacientes”.