As actuacións suporán unha inversión de 48.382,14 euros e permitirán “ofrecer unha maior variedade de ocio para os nenos e nenas do municipio”
Vilalba, 2 de xaneiro de 2025. O Concello de Vilalba vén de adxudicar as obras necesarias para a instalación dunha innovadora pista multiocio no campo da feira, no casco urbano vilalbés, por un importe de 48.382,14 euros.
Un proxecto que executará a empresa Calfensa proyectos S.L e que permitirá “unha maior variedade de ocio para os nenos e nenas do municipio”, segundo explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, instalarase unha pista multiocio modular dunhas dimensións de 230 metros cadrados, delimitada por varandas de aceiro inoxidable. Nos laterais da mesma, colocaranse porterías, ás que se sumará a instalación de canastras e o pintado do campo con pintura acrílica para a marcaxe da superficie de xogo.
“Así, os nenos e nenas do municipio contarán cunha infraestrutura dotada de elementos para a práctica lúdica de diferentes tipos de deportes” sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen asegurou que “damos resposta a unha petición que os nenos e nenas nos fixeron chegar a través do Consello da Infancia e a Adolescencia”.
Ademais, “a instalación da pista multiocio no campo da feira permitirá dotar dunha infraestrutura de ocio infantil e xuvenil a unha zona do casco urbano que non contaba con ningunha opción deste tipo” salientou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Vilalba, Luis Fernández, ao tempo que adiantou que “o obxectivo do goberno local é seguir ampliando esa zona de ocio infantil con máis elementos de xogo para dotar a esa área do casco urbano dunha infraestrutura diversa e completa”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “segundo as previsións, e se non se produce ningún contratempo, esperamos poder ter a pista colocada para mediados da primavera, para que xa poida empregarse coa chegada do bo tempo”.
Así mesmo, a localización escollida para a pista multiocio implicará o cambio de localización da actual área de autocaravanas, “unha cuestión que tamén xa nos fora solicitada pola Asociación Galega de Autocaravanas”, sinalou Marta Rouco.
Para dar resposta a esa cuestión, o Concello de Vilalba xa traballa no estudo e o proxecto necesario que permitirá mudar a actual área de autocaravanas á zona da área recreativa da Madalena, de tal forma que esta contará cun espazo máis amplo, mellores dotacións e unha contorna natural única.