Foz, 22 de xaneiro de 2025. O Concello de Foz mantivo unha reunión de traballo este mércores para coordinar a seguridade do Entroido 2025 e seguir avanzando na organización dunha festa que acadou no ano 2023 o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego. Á reunión acudiron técnicos de prevención de risco, a técnica de Cultura, persoal de seguridade privada, empresas de montaxe e organización, forzas de orde público e emerxencias -Policía Local, Garda Civil, Parque de Bombeiros e Protección Civil- , os concelleiros Ángel Neira e Inés López Couto e o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
Na reunión facilitáronse as datas dos distintos eventos e tratáronse as medidas de seguridade naqueles máis concorridos. Respecto á carpa acordouse establecer unha entrada e saídas independentes, o incremento de persoal de control de accesos e o aumento e mellora da sinalización das saídas de emerxencia, de forma que se eviten situacións de agobio como as acontecidas no Entroido do 2024. Todos os presentes coincidiron en que as medidas plantexadas van a supoñer unha mellora notable e eficaz para garantir que todos os eventos programados na carpa sita na rúa Atalaia transcorran con total normalidade.
A Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira de Cultura, Inés López Couto, declarou: “agradezo enormemente a asistencia de todos e o traballo feito no día de hoxe. Foi unha verdadeira reunión de traballo na que participou persoal máis que cualificado e que nos vai a permitir avanzar na seguridade de todos os carnavaleiros”.