Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo inviste máis de 100.000 euros na mellora do saneamento da parroquia de Castelo

A actuación estase a executar estes días no lugar da Chousa de Motín, e está sufragado con fondos municipais do remanente de tesourería

Cervo, 15 de xaneiro de 2025. O concello de Cervo iniciou estes días as obras de saneamento na parroquia de Castelo, que afectan en concreto ao lugar da Chousa de Motín, e que supoñen un investimento de máis de 100.000 euros -108.724,48 euros concretamente-.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a edil de Obras, Mali Méndez, achegáronse ata o lugar para ver in situ os traballos, que tal e como recordou a rexedora “están sufragados integramente con fondos municipais do remanente de tesourería”.

A alcaldesa explicou que o proxecto contempla a creación dunha nova rede de sumidoiros de augas residuais en tubos de PVC entre pozos de rexistro e renovaranse as acometidas domiciliarias, e tamén se renovará a pavimentación dos tramos de calzada afectados, mellorando tamén as condicións de accesibilidade da zona.

O remanente de tesourería que fomos sumando bríndanos agora a oportunidade –afondou- de seguir investindo en proxectos que beneficiarán a todos, “neste caso centrados na mellora das infraestruturas deste núcleo do noso rural”.

Trátase dun paso máis –engadiu- para seguir na procura do noso obxectivo de garantir o acceso dos servizos básicos de calidade para todos, independentemente do lugar no que vivamos; e é que son obras que non só melloran a saúde pública senón que tamén contribúen á protección do medio ambiente.

Este tipo de actuacións ás veces pasan desapercibidas, non se ven, pero implican unha inversión pública moi importante que redundará na mellora da calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento das nosas zonas rurais, explicou.

Exit mobile version