Será no salón de plenos ás 18:00 deste xoves, día 9 de xaneiro
Burela, 7 de xaneiro de 2025. O Concello de Burela convoca á veciñanza a unha reunión informativa sobre o centro de acollida de refuxiados do municipio.
Terá lugar o xoves 9 de xaneiro no salón de plenos ás 18:00, e contará coas intervencións do director da ONG Rescate, Carlos Echánove, da alcaldesa Carmela López, do coordinador do centro David Vivar e dos traballadores do mesmo Brahima Diarra e Abdoulay Camara.
A rexedora sinala que o obxectivo da reunión é “aclarar calquera dúbida, ofrecer información veraz sobre o funcionamento do centro de refuxiados e contestar directamente as preguntas da cidadanía”.
“Desde o Concello queremos reiterar o noso compromiso coa transparencia e coa convivencia harmoniosa en Burela, e por iso convocamos a todos os veciños e veciñas a esta reunión informativa aberta”, apunta López.
“Ademais, queremos abordar temas clave como o apoio social que reciben as persoas refuxiadas e a importancia de facilitarlles ferramentas esenciais para a súa integración”, engade.
A alcaldesa concluíu sinalando que esta “é unha oportunidade para dialogar e promover unha convivencia baseada no respecto e na solidariedade, valores fundamentais da nosa comunidade”.